A Xunta establece un réxime específico de prestación de servizos de taxi en Alvedro para mitigar os efectos do peche do aeroporto de Santiago entre o 23 de abril e o 27 de maio
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, asinou hoxe a resolución sobre o establecemento dun réxime específico de prestación de servizos de taxi no aeroporto de Alvedro en Culleredo, por mor do peche do aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro neste período
Este acordo é froito da xuntanza da Comisión de Seguimento do Convenio para a prestación do servizo de autotaxi no aeroporto de Alvedro e permitirá que todos os vehículos adscritos a autorizacións no Concello da Coruña realicen servizos no aeroporto de Alvedro en Culleredo nesas datas
Santiago de Compostela, 15 de abril de 2026
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, asinou hoxe a resolución sobre o establecemento dun réxime específico de prestación de servizos de taxi que posibilitará que todos os vehículos adscritos a autorizacións de transporte público de viaxeiros en vehículo turismo auto-taxi (VT) no Concello da Coruña realicen servizos no aeroporto de Alvedro en Culleredo, por mor do peche do aeroporto de Santiago - Rosalía de Castro entre o próximo 23 de abril e o 27 de maio deste ano.
Este réxime específico foi acordado de xeito unánime polos representantes da Xunta, do Concello da Coruña e do Concello de Culleredo na xuntanza da Comisión de Seguimento do Convenio que regula a prestación do servizo de autotaxi no aeroporto de Alvedro por parte dos titulares das licenzas domiciliadas nos concellos de Culleredo e da Coruña, celebrada o pasado 7 de abril.
A medida pretende reforzar o servizo de taxi no aeroporto de Alvedro durante o tempo que duren as obras no aeroporto de Santiago - Rosalía de Castro co obxecto de adaptar a oferta á previsión de volume de servizos solicitados e así ofrecer un mellor servizo aos usuarios desta instalación portuaria co reforzo que poidan prestar todos os vehículos adscritos a autorizacións VT no Concello da Coruña.
O acordo determina que se manterán as condicións de ordenación da parada, tal e como están previstas no Convenio, tanto no comezo do primeiro servizo de cada día como no primeiro voo da tarde, para o que se tomará como referencia horaria as 16,00 horas.
Trátase dunha medida de carácter temporal coa que reforzar este servizo público ofrecendo á cidadanía unha resposta áxil e eficiente a esta necesidade temporal.
O Goberno galego entende que máis aló desta medida puntual coa que dar resposta ao peche do aeroporto compostelán, cómpre acometer a creación dunha área de prestación conxunta (APC) na área metropolitana da Coruña.