A delegada territorial de Ferrol visitou esta mañá o Concello de Cerdido xunto ao alcalde da localidade
Martina Aneiros anima aos concellos da Delegación a solicitar os apoios da Xunta para a mellora de infraestruturas municipais
Esta orde de axudas da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes está dirixida a concellos de menos de 30.000 habitantes e poden cubrir ata o 80% do orzamento total da actuación
O prazo de presentación de solicitudes remata o próximo 4 de maio
Cerdido (A Coruña), 20 de abril de 2026
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Cerdido, Alberto Rey, e da directora territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, Mª Mar Ferreiro, visitou o concello, onde puido observar os equipos informáticos adquiridos pola administración local grazas a unha achega autonómica de máis de 12.000 euros a través da orde de infraestruturas de uso público.
Con motivo da visita, Aneiros aproveitou para lembrar que, ata o 4 de maio, continúa aberta a nova convocatoria destas axudas da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes destinada a municipios de menos de 30.000 habitantes, de forma individual ou conxunta con outros Concellos, coas que a Xunta “busca garantir tanto o equilibrio territorial como unhas óptimas condicións de vida para todos os galegos, independentemente do seu lugar de residencia”, apuntou.
A convocatoria de axudas para infraestruturas de uso público contan este ano cun orzamento de 3,5 M€ e a contía das axudas pode cubrir ata o 80% do gasto subvencionable en infraestruturas, instalacións e equipamento vinculados á prestación de servizos municipais. A achega máxima é de 40.000 euros para as solicitudes individuais e de 50.000 euros tanto para as conxuntas como para os Concellos resultantes dunha fusión municipal ou en proceso de fusión.
Segundo explicou Aneiros, serán subvencionables actuacións nas redes de alumeado público, a pavimentación de camiños públicos municipais e as obras en prazas, parques, paseos e rúas. Tamén se poderá sufragar a creación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinadas á prestación de servizos municipais, así como a mellora da accesibilidade ou a dotación de equipamento destes edificios ou dependencias.
A representante da Xunta recordou que o pasado ano esta convocatoria deixou máis de 120.000 euros en achegas no ámbito da Delegación.