A Xunta exixe ao Estado suspender a tramitación da reforma do Regulamento de Costas xa que invade competencias exclusivas de Galicia e vulnera dereitos dos titulares de concesións no litoral

O Consello tomou razón hoxe das alegacións presentadas polo Goberno autonómico no marco do proceso de información pública da modificación normativa impulsada de forma unilateral polo Estado

Rueda lamenta que se propoñan cambios nas concesións que “comprometerían o futuro” de instalacións claves para a economía galega como “estaleiros, conserveiras ou establecementos de hostalaría”

A reforma revogaría prórrogas sobre concesións xa outorgadas, denegaría peticións novas e aplicaría un réxime máis restritivo para poder operar na costa

Alerta de que a acuicultura mariña sería un dos sectores máis prexudicados, xa que á hora de tramitar as correspondentes autorizacións para ocupar o dominio público se equiparan “bateas e outras instalacións acuícolas cos chiringuitos de praia”

Os cambios propostos derivarían, ademais, nun aumento de recursos e litixios entre afectados e administracións ante as contradicións do novo regulamento coa Lei de costas aínda en vigor e mesmo no pagamento dunhas indemnizacións cuxos custos se pretenden trasladar ás comunidades autónomas

Defende “preservar o litoral” á vez que se garante “unha vida económica ordenada xuridicamente” no mesmo

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que a Xunta vén de solicitar ao Goberno central “que suspenda de inmediato a reforma do Regulamento de Costas” porque “invade competencias exclusivas de Galicia e vulnera os dereitos dos titulares de concesións do litoral”. O Goberno autonómico lembra ademais que, nos termos actualmente previstos, este regulamento non se adecuaría ás exixencias da Comisión Europea nin ao propio Dereito comunitario e contradiría a normativa estatal.

Así se recolle no acordo do que tomou razón esta mañá o Consello da Xunta e no que se dá conta das alegacións conxuntas rexistradas polas Consellerías de Medio Ambiente e Cambio Climático e do Mar no marco do trámite de información pública do referido anteproxecto, cuxo prazo para facer observacións remataba o pasado 15 de abril. O presidente salientou que o Goberno central quere modificar o regulamento “de xeito unilateral e sen ningún tipo de consulta coas comunidades e os sectores afectados”.

O Executivo galego basea o seu rexeitamento na reforma do Regulamento de Costas en argumentos competenciais, xurídicos e tamén económicos. Así, entre as principais alegacións formuladas, destácase que o Goberno central pretende impoñer cambios nos procedementos de outorgamento e revogación dos títulos concesionais na costa aínda a pesar de tratarse dunha competencia que, tal e como recoñecen o Estatuto de Autonomía e a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, corresponde en exclusiva á Administración autonómica.

Rueda resaltou que se trataría de cambios que poderían derivar no pagamento de indemnizacións para compensar os posibles afectados. Neste sentido, dado que a memoria do anteproxecto non prevé custos económicos para o Estado nin especifica quen se faría cargo destas indemnizacións, a Xunta interpreta que o que se pretende é trasladar ás comunidades autónomas os custos dunhas decisións adoptadas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e facelo, ademais, sen ningún tipo de diálogo previo. “Podería darse o caso de que decisións tomadas de xeito unilateral polo Goberno central fosen indemnizadas polas comunidades con costa”, indicou.

Esta situación suporía, ademais, un prexuízo directo para as empresas e persoas que exercen actualmente algún tipo de actividade económica na franxa costeira, dado que verán perigar o seu futuro e os investimentos realizados con base nun escenario que vai cambiar polo carácter retroactivo de moitas das medidas recollidas no anteproxecto. “A pretensión do Goberno é clara: limitar ao máximo a actividade no litoral. E isto compromete o futuro de instalacións claves para a economía galega como estaleiros, conserveiras ou establecementos de hostalaría”, destacou o presidente.

En todo caso, e ademais da invasión competencial sinalada e do seu impacto sobre as actividades económicas ligadas ao mar en Galicia, o Goberno autonómico argumenta tamén nas súas alegacións que o novo regulamento xerará inseguridade xurídica na medida en que a súa redacción é contraditoria co articulado da propia Lei de costas aínda vixente. Recorda neste sentido que os regulamentos contrarios ás leis que desenvolven son nulos de pleno dereito e que, polo tanto, a modificación proposta xeraría un escenario de inestabilidade normativa e obrigaría a volver á situación anterior.

En concreto, explicaron que esta modificación, tal e como figura no propio texto do Goberno central, permitiría a anulación de prórrogas sobre concesións xa outorgadas, a denegación de prórrogas solicitadas e a aplicación, con carácter xeral, dun réxime máis restritivo ás novas concesións, ao tempo que se pretende eliminar tamén a figura das prórrogas extraordinarias recollida na Lei de costas.

Todas estas medidas que se van introducir por vía regulamentaria, que limitan ou mesmo contradín preceptos da propia normativa estatal avalados polo Tribunal Constitucional e o Tribunal Supremo, abrirán un novo escenario para as actividades económicas asentadas na costa, xerando inseguridade tanto para os titulares de concesións como para as administracións encargadas de aplicalas e, por conseguinte, desencadeará un aumento dos recursos e litixios en defensa dos intereses dos afectados.

O informe de alegacións da Xunta advirte así do risco de inseguridade xurídica e de conflitividade social que van implícitos nesta reforma polo impacto negativo que pode ter, entre outras cousas, a vulneración de dereitos adquiridos por parte dos titulares de concesións na costa galega, que é a máis extensa de todo o país —con 2.555 km— e concentra preto de 1,5 millóns de habitantes —máis da metade da poboación—.

Ademais, mentres o Goberno central xustifica os cambios propostos como unha solución ao procedemento de infracción iniciado en 2023 pola Comisión Europea contra España por incumprir a Directiva de servizos comunitaria nas concesións do litoral, o Goberno autonómico alega que esta solución proposta nunca suporía unha garantía de compatibilidade da lexislación española coa europea, dado que o que Bruxelas demanda é un cambio con rango de lei e non a reforma dun regulamento.

Afección á acuicultura

Ante este escenario, a Xunta leva meses advertindo que o futuro de moitas instalacións asentadas na franxa costeira. En particular e como exemplo especialmente preocupante nunha comunidade como a galega, as alegacións fan unha mención específica ao caso da acuicultura, un sector clave que suma 2.500 empresas e case 4.500 traballadores en Galicia e que podería resultar un dos máis prexudicados polos cambios propostos na tramitación das concesións que dan dereito a ocupar o dominio público.

Así, a decisión do Goberno central de aplicar a Directiva de servizos comunitaria a todas as actividades e sectores produtivos asentados no litoral, sen facer distincións, “suporía na práctica equiparar bateas, e outras instalacións acuícolas” “cos chiringuitos de praia” cando son actividades totalmente distintas e coas súas propias singularidades.

Por todos os motivos que se recollen nas alegacións e tendo en conta a falta de diálogo que caracterizou desde o principio a elaboración do anteproxecto de reforma do Regulamento Xeral de Costas, a Xunta aproveitou o trámite de información pública para reclamar ao Ministerio, unha vez máis, que convoque unha conferencia sectorial con presenza de todas as comunidades con competencias exclusivas sobre a xestión do litoral.

O obxectivo deste encontro sería promover e consensuar un cambio lexislativo —en lugar de regulamentario— que sexa proporcionado, adecuado e axustado ao ordenamento xurídico vixente de xeito que se poida adoptar unha solución estable e con plenas garantías ante o expediente aberto pola UE, que reclama seguridade xurídica e unha garantía de compatibilidade da Lei de costas española coa Directiva de servizos europea. “Somos os primeiros interesados en preservar o noso litoral, pero tamén en que haxa vida económica, ordenada xuridicamente e con seguridade neste litoral”, indicou.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/04/2026