O Goberno galego destaca o impulso sen precedentes aos concursos de traslados do persoal empregado público, con 15 convocados desde 2023

O conselleiro de Facenda e Administración Pública reitera o compromiso da Xunta co novo ingreso e a mobilidade do persoal das escalas sociais

Miguel Corgos sinalou que se está a consolidar unha política de persoal sólida e planificada para mellorar a prestación dos servizos públicos á cidadanía

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2026

O Goberno galego destaca o impulso sen precedentes aos concursos de traslados do persoal empregado público nesta lexislatura, con 15 convocados desde o 2023, nos que se incluíron máis de 11.000 prazas (11.421) e nos que participan máis de 3.300 persoas empregadas públicas.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, indicou en sede parlamentaria que “estamos a falar dun volume de mobilidade sen precedentes, tanto polo número de convocatorias como pola súa dimensión e alcance”. Reiterou, deste xeito, o compromiso do Goberno galego co novo ingreso e a mobilidade do persoal das escalas sociais, lembrando a convocatoria de preto  1.500 prazas de acceso libre e promoción interna en procesos selectivos de novo ingreso desde 2019. No que se refire á mobilidade, en xullo de 2025 convocouse o concurso de traslados de escalas sociais, con 1.501 prazas, do que en marzo se publicaron as puntuacións provisionais.

Segundo Miguel Corgos, froito deste traballo, unha vez resolto o concurso de traslados, previsto para o mes de xuño, convocarase a elección de destino definitivo ás persoas que están en destino provisional e ás que superaron os procesos selectivos de estabilización derivados da Lei 20/2021.  Finalmente, coordinarase as tomas de posesión para garantir a continuidade na prestación dos servizos públicos.

Concurso de traslados das escalas sociais

O conselleiro de Facenda recordou que “cando estaba a piques de convocarse” estes concursos de traslados, producíronse dúas circunstancias excepcionais alleas á Xunta que os retrasaron; primeiro, a pandemia, e posteriormente, o proceso extraordinario de estabilización, a Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público. Porén, explicou, o Goberno galego está a poñer todos os esforzos na pronta resolución do concurso das escalas sociais.

O responsable do Emprego Público en Galicia destacou que se está a facer nun contexto “especialmente complexo”, xa que, dunha banda, se xestionan os procesos masivos de estabilización derivados dun mandato legal extraordinario, que benefician a máis de 5.000 persoas e que requiren “unha coordinación técnica e xurídica de enorme envergadura”. Doutra banda, continúan convocándose procesos ordinarios de acceso libre para garantir o acceso ao “emprego público de calidade das galegas e galegos”.

Para Corgos, a execución efectiva de políticas de emprego público responde a unha planificación sostida no tempo, coa vontade de “ordenar a mobilidade do persoal ao servizo da Administración” e un compromiso firme por ofrecer estabilidade e oportunidades reais de desenvolvemento profesional ás persoas empregadas públicas.

Miguel Corgos sinalou que estes concursos de traslados consolidan unha política de persoal sólida e planificada co obxectivo de mellorar a prestación dos servizos públicos á cidadanía.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/04/2026