Villaverde defende nun foro europeo a participación activa dos pescadores no deseño das medidas de restauración dos hábitats mariños

A conselleira do Mar inaugurou, por videoconferencia, o taller europeo sobre esta materia que se celebra en Copenhague

A Xunta promove neste encontro que incide na necesidade de integrar plenamente o sector pesqueiro no deseño e implantación das medidas de conservación

Destaca que o éxito da protección do mar pasa por aplicar un enfoque ecosistémico integral onde os profesionais do mar son unha parte indispensable da solución

Santiago de Compostela, 23 de abril do 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defendeu nun encontro organizado pola Oficina Europea para a Conservación e o Desenvolvemento (EBCD) en colaboración coa Axencia Europea de Medio Ambiente (AEMA) e a consultora científica DickeyCollas Marine, que os pescadores deben ter una participación activa no deseño de medidas de restauración dos hábitats mariños e a pesca sustentable.

No evento internacional, celebrado en Copenhague  (Dinamarca) e que a conselleira inaugurou por videoconferencia, destacou que a protección da biodiversidade e a actividade extractiva son dous piares importantes. “A restauración do medio mariño e o mantemento dunha actividade pesqueira sustentable, viable e rendible son obxectivos que van da man e non poden entenderse un sen o outro”, asegurou.

Este taller, que leva por título “Dos hábitats ás capturas: unha restauración que funcione para os pescadores”, está promovido da Xunta de Galicia, a través da Consellería do Mar, e reúne a autoridades europeas, científicos e representantes do sector pesqueiro co obxectivo de buscar estratexias conxuntas para a conservación dos océanos.

Na súa mensaxe de apertura, Villaverde destacou a transcendencia de abordar a restauración mariña contando coa participación activa de todos os axentes implicados, especialmente os que están máis ligados ao medio. “Os profesionais do mar e da pesca comparten este hábitat cos recursos naturais. Por iso, o éxito na concepción, no deseño e na implantación da estratexia de conservación dependerá da súa implicación nelas e de ser quen de incorporar todo o seu coñecemento, apostando pola cogobernanza”, subliñou.

A pesca na solución

A titular de Mar fixo fincapé en que, fronte a visións excluíntes, o sector extractivo ten que ser visto como un aliado estratéxico. Explicou que o obxectivo institucional debe ser consolidar un enfoque ecosistémico na xestión das pesqueiras que non só garanta a sustentabilidade ambiental, senón tamén a viabilidade económica e social das frotas. “A restauración do medio mariño axudará a impulsar actuacións que complementen a xestión actual da pesca e reduzan a súa presión alí onde sexa máis conveniente e sensato facelo”, sinalou.

Para rematar, Villaverde agradeceu ás entidades organizadoras a iniciativa de celebrar este taller e reafirmou o compromiso da Xunta con este tipo de foros europeos. “Compartimos preocupacións, prioridades e criterios en relación coa sustentabilidade do medio mariño e por iso consideramos que temos moito que aportar”, concluíu a conselleira, desexando que as dúas xornadas de traballo en Copenhague resulten frutíferas e construtivas para o futuro do sector marítimo-pesqueiro continental.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 23/04/2026