Villaverde anuncia unha nova caracterización completa dos áridos da dragaxe do Lérez en resposta as esixencias do Ministerio de Transición Ecolóxica

Portos de Galicia ten xa contratado este novo estudo solicitado polo MITECO como condición para informar favorablemente a obra na que a Xunta investirá 11,9 M€

A conselleira do Mar deu conta da presentación de 43 alegacións “que serán respondidas co máximo rigor” e das demandas do Goberno central no proceso de información pública

Pontevedra, 24 de abril de 2026

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, realizará unha nova caracterización completa e profunda dos áridos da dragaxe do Lérez en resposta ás esixencias do Ministerio para a Transición Ecolóxica (MITECO). Este traballo consistirá na análise de mostras de material que se vai dragar para determinar a súas características: composición e propiedades. Así o comunicou esta mañá a titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, nunha rolda de prensa na que deu conta do trámite de información pública das obras que impulsa a Xunta de Galicia cun investimento de 11,9 millóns de euros.

Villaverde explicou que desde o inicio do trámite, o pasado 2 de febreiro, Portos de Galicia recibiu 43 alegacións e solicitou 30 informes ás administracións competentes e entidades sectoriais. Neste sentido a conselleira destacou que se solicitaron 8 informes a distintos departamentos da Xunta de Galicia e que todos eles foron contestados xa e son favorables, coas aportacións pertinentes en cada caso. Pola contra das 3 consultas realizadas ao Goberno central recibiuse resposta en prazo de dous dos departamentos, ambos do Ministerio para a Transición Ecolóxica, non así do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Desde o MITECO esixiuse a Portos de Galicia a realización dunha caracterización completa dos áridos como condición para emitir informe favorable, así como estudos complementarios aos xa realizados en relación ás especies invasoras e as pradeiras de zoostera, e un específico sobre a praia de Lourido, no municipio de Poio. Villaverde explicou que desde o ente público estase a traballar xa para dispoñer canto antes desta nova información que se sumará á resultante das caracterizacións realizadas nos anos 2009, 2014, 2020 e 2024 que constataron que os áridos que se van dragar non presentan contaminación.

A conselleira do Mar deu conta tamén das alegacións recibidas, 7 con contido diferenciado e o resto copias dunha mesma, e asegurou que os técnicos de Portos de Galicia están realizando unha análise exhaustiva do seu contido para contestalas co máximo rigor. Neste sentido agradeceu as achegas de todas elas e mostrou a súa confianza en que poidan enriquecer un proxecto que dá resposta a unha demanda histórica do sector marisqueiro e portuario da ría de Pontevedra, o propio Concello de Pontevedra e o Parlamento de Galicia.

Villaverde reiterou o compromiso do seu departamento con esta actuación e asegurou que a Xunta traballa para poder cumprir canto antes coas esixencias do Goberno central e obter os informes favorables preceptivos a fin de poder executar os traballos como está previsto no ano 2027.

500.000 metros cúbicos de area

Tal como recolle o proxecto e o estudo de impacto ambiental sometido a información pública, a dragaxe levarase a cabo integramente dentro do dominio público portuario do porto de Pontevedra e As Corbaceiras, afectando a unha lonxitude de 4,5 quilómetros e unha área total de 309.130 metros cadrados da que se retirarán máis de 500.000 metros cúbicos de áridos.

O material dragado depositarase na zona validada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica –administración competente- denominada zona B, no exterior da ría de Arousa, que se atopa a 20 millas náuticas da zona máis exterior de actuación e a 24 da máis interior. O ámbito da dragaxe non se atopa dentro de ningún espazo protexido.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 24/04/2026