Arias destaca o apoio da Xunta para enriquecer a oferta hoteleira e gastronómica de Lugo coa reapertura de ‘La Palloza’
Lugo, 24 de abril de 2026
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, participou hoxe en Lugo na inauguración de La Palloza, que reabre as súas portas como hotel de catro estrelas e restaurante despois dunha profunda reforma.
Arias celebrou que a cidade enriqueza a súa oferta gastronómica e hoteleira coa recuperación deste histórico establecemento, que cobra nova vida “nun momento idóneo, no que a demanda turística en Lugo está a alcanzar cifras récord”.
A Administración autonómica apoiou este proxecto a través da liña de achegas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) destinada a atraer investimentos empresariais que vaian dos 800.000 aos 10 M€.
Arias apuntou que se trata dunha das convocatorias de axudas da Xunta para “potenciar o crecemento do tecido produtivo galego, que é clave para manter e crear emprego e para impulsar a nosa economía”.
Nese sentido, indicou que no 2026 o Igape ten en marcha diferentes programas de apoio integral ás empresas que suman máis de 282 millóns de euros. O obxectivo é acompañar os proxectos empresariais en todas as súas fases, desde o acceso ao financiamento ata a innovación, a expansión internacional ou a transición cara modelos máis sostibles.