A Xunta lamenta que a Fegamp se manteña na postura de confrontación co Goberno galego respecto á reforma da Lei de Administración Local de Galicia
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, lamenta as últimas declaracións do presidente da Fegamp, que se suman ás críticas xa realizadas nas que cuestiona o traballo previo de tres anos en lugar de achegar aportacións coas que acadar un texto co maior consenso posible
Lembra que o organismo tivo a oportunidade constante de participar no proceso de tramitación da nova lei para defender os intereses das entidades que representa
A Administración autonómica está a avaliar o case medio cento de alegacións presentadas ao anteproxecto, mantén un proceso continuo de escoita e diálogo e aposta pola colaboración institucional para enriquecer o texto coas achegas construtivas que se realicen durante a tramitación da norma
A Xunta aclara ao presidente da Fegamp que as reclamacións sobre a situación económica dos concellos debe dirixilas ao Executivo estatal porque é o competente no financiamento das entidades locais
Santiago de Compostela, 29 de abril de 2026
A Xunta lamenta a postura de confrontación que o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, vén mantendo co Goberno galego no que se refire ao anteproxecto de Lei da Administración Local de Galicia ou ao financiamento das entidades locais.
Ante as declaracións realizadas hoxe no marco dun foro sobre municipalismo, onde volveu acusar á Xunta de non permitir ao organismo unha participación activa no anteproxecto da nova lei, a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, volveu a remarcar que a Fegamp tivo a oportunidade constante de participar para defender os intereses das entidades que representa e de presentar as alegacións oportunas no prazo correspondente. De feito, aclarou que a Xunta xa está a avaliar o case medio cento de alegacións recibidas e, polo tanto, no actual proceso de tramitación preténdese escoitar todas as achegas para acadar o máximo consenso posible. Ademais, posteriormente, o texto será aprobado polo Consello da Xunta como proxecto de lei e remitido ao Parlamento de Galicia para continuar coa súa tramitación parlamentaria, onde poderá seguir enriquecéndose.
Por iso, tal e como explicou a directora xeral, o Goberno galego lamenta que a Fegamp se manteña nunha postura de críticas continuadas en lugar de adoptar unha posición construtiva aproveitando así para sumarse a esta oportunidade de actualizar o marco xurídico cunha nova lei que modernizará a xestión do ámbito local, tras máis de tres décadas de vixencia da normativa actual.
Do mesmo xeito tamén lamentou que o presidente da Fegamp siga usando as alegacións para cuestionar e mesmo desprezar todo traballo previo realizado por diversos profesionais expertos no eido local. Cómpre lembrar que a elaboración da nova leu foi un proceso de revisión integral moi complexo que xa comezou hai tres anos co obxectivo de adaptar á realidade actual a estrutura e o funcionamento dos municipios, provincias e demais entes locais galegos aos cambios normativos, sociais e tecnolóxicos. O anteproxecto é resultado dun proceso participativo que incluíu diferentes estudos, congresos e actividades dirixidas a recoller a maioría das demandas trasladadas polo municipalismo.
Por outra parte, no que se refire ás reclamacións sobre a situación económica dos concellos, a Xunta lembra ao presidente da Fegamp que debe dirixilas ao Goberno central, xa que o sistema de financiamento local corresponde ao Executivo estatal. Así, o vén facendo a Xunta que durante anos leva reclamando ao Estado a modificación do actual sistema de financiamento local e que se teñan en conta criterios como a dispersión e o avellentamento da poboación. Aínda que dentro das competencias autonómicas o Goberno galego aborda esta cuestión na reforma da lei, é necesario que o Goberno central modifique o sistema de financiamento local e a normativa de bases de réxime local.
Nesta liña, o anteproxecto da Lei de Administración Local de Galicia fixa un novo sistema de participación nos tributos autonómicos introducindo precisamente os criterios que se lle están demandando ao Estado. Ademais, prevese incrementar o financiamento incondicionado, mediante o aumento do fondo base como xa se vén facendo ou establecerase unha garantía de mínimos a todos os concellos, que aumenta 20 millóns de euros respecto ao modelo actual. O Fondo de Cooperación Local -que este ano acada os 187 millóns de euros- forma parte das transferencias da Xunta aos concellos que este exercicio superan unha cifra récord de 670 millóns de euros.
Ademais deste aspecto relacionado co financiamento, entre as novidades da futura lei tamén se aborda a modernización na organización e funcionamento das entidades locais, a clarificación de competencias ou o reforzo do papel das deputacións para garantir a prestación de servizos, sobre todo nos concellos máis pequenos e con menos recursos, ou un tratamento específico para os concellos en situación de reto demográfico.