O presidente da Xunta participou na entrega ao Concello de Ortigueira dos documentos do Privilexio Rodado de Alfonso X e da confirmación de Enrique III
Rueda destaca a importancia de preservar o patrimonio cultural e documental como parte da identidade de Galicia
Valora que a Fundación pública Camilo José Cela acordase a cesión destes dous documentos, de grande importancia para a historia da vila coruñesa
Afirma que esta iniciativa encádrase na aposta do Goberno galego por recuperar e coidar a nosa potencia cultural e o patrimonio propio
Ortigueira (A Coruña), 30 de abril de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a importancia de preservar e divulgar o patrimonio cultural e documental como parte fundamental da identidade de Galicia.
Así o sinalou esta mañá durante a entrega ao Concello de Ortigueira dos documentos do Privilexio Rodado de Alfonso X e da confirmación de Enrique III de Castela, acto no que tamén participou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos.
Ambos pergamiños son de grande importancia para a historia da vila. O Privilexio Rodado, que data de 1255, outórgalle a súa carta foral, coñecida como Foro de Benavente, polo que se lle concede o título de vila, ademais do dereito a porto. A confirmación de Enrique III, datada en 1405, vén a corroborar eses privilexios.
O presidente valorou “a xenerosidade” coa que a Fundación Camilo José Cela, que pertence ao sector público autonómico, acordou ceder estes dous documentos ao Concello de Ortigueira, dando resposta así a unha petición histórica da que “todos os veciños teñen que sentirse orgullosos”, un feito “lóxico e lexítimo” que axuda a divulgar un patrimonio de gran valor, tanto para a vila como para toda Galicia.
Segundo afirmou Rueda, esta iniciativa encádrase na aposta do Goberno galego por recuperar e coidar a nosa “potencia cultural” e o patrimonio propio, como se reflicte nos 30 millóns de euros que se destinarán este ano a bibliotecas e museos, ou os 22 millóns de euros que se investirán na protección do patrimonio histórico, artístico e cultural.
Nesta liña, o titular do Executivo galego reivindicou que “se por algo nos coñece no mundo é pola nosa identidade” e subliñou que “a imaxe de Galicia explícase concello a concello”, a través da súa historia. Ademais, o presidente adiantou que a cultura e tradición galegas serán un elemento central de cara á celebración o próximo Xacobeo 2027, o “gran ano de expoñernos ao mundo”.