A Xunta adxudica por máis de 400.000 euros o servizo de apoio a Augas de Galicia no control da adaptación de presas, encoros e balsas ás novas normas de seguridade

O labor da adxudicataria consistirá na supervisión da documentación relativa ao estado destas instalacións e á realización das correspondentes inspeccións

O contrato conta cun prazo de execución de 24 meses, prorrogable por ata un máximo de 36 meses adicionais

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2026

A Xunta de Galicia adxudicou por algo máis de 400.000 euros o contrato de servizo de apoio a Augas de Galicia nas súas tarefas de control da adaptación das presas, encoros e balsas -por parte dos seus respectivos titulares- ás últimas normas técnicas de seguridade deste tipo infraestruturas aprobadas a nivel nacional. Este labor implica a supervisión da documentación relativa á seguridade destas instalacións e a realización das correspondentes visitas de inspección.

A empresa adxudicataria deberá realizar distintos traballos como a supervisión dos documentos de clasificación de presas, encoros e balsas así como dos informes de adecuación ás normas técnicas de seguridade e ás novas condicións augas abaixo segundo os últimos cambios normativos aprobados polo Goberno central neste eido.

Entre as tarefas a desenvolver tamén está facer un seguimento dos proxectos que os titulares desenvolvan en relación coas presas, encoros e balsas, ao igual que a inspección das correspondentes obras, revisando os documentos de normas de explotación destas infraestruturas e as súas posibles modificacións para adecualas ás novas exixencias lexislativas en materia de seguridade.

Outras das actividades incluídas no contrato son a supervisión dos documentos de plans de emerxencia destas instalacións e as súas revisións, así como a realización dun seguimento sobre a súa implantación, e a avaliación dos informes que se realicen sobre as revisións xerais de seguridade e dos informes periódicos de comportamento e funcionamento das presas, encoros e balsas.

A empresa adxudicataria tamén deberá encargarse de realizar inspeccións de seguridade destas infraestruturas, dar apoio técnico ás Comisións de Desaugamento de Encoros de Augas de Galicia e a actualización do Rexistro de Seguridade de Presas, Encoros e Balsas competencia do Executivo galego. Ademais asistirá na prevención de riscos laborais e coordinación de actividades empresariais para os traballos de explotación, conservación e mantemento das presas de titularidade autonómica e o apoio técnico na supervisión e tratamento dos datos de explotación de presas e encoros recibidos dos concesionarios ou explotadores desas instalacións hidráulicas.

O contrato, cun prazo de execución trala súa formalización de 24 meses, é prorrogable por ata un máximo de 36 meses adicionais.

Data de actualización: 03/05/2026