A delegación da Xunta en Lugo acolle a presentación da edición en galego do ‘Libro Branco da Influencia Responsable’
O encontro reuniu a profesionais do sector para falar das boas prácticas na creación de contidos dixitais e do futuro das redes sociais en Galicia
Lugo, 5 de maio de 2026
A Delegación Territorial da Xunta acolleu hoxe a presentación da edición en galego do Libro Branco da Influencia Responsable, así como do instrumento Thinkfluencer, unha ferramenta dixital gratuíta orientada a fomentar as boas prácticas entre os creadores de contido nas redes sociais.
O acto contou coa participación de José Ángel Otero e Manuel Rodríguez, presidente e vicepresidente en Galicia da asociación iCmedia, impulsora da publicación; e do escritor e doutor en Comunicación Félix Caballero, autor da tradución.
O libro é froito dun exercicio de reflexión colectiva de axencias, expertos, influencers, marcas, plataformas, institucións e organismos reguladores, co fin de fortalecer un ecosistema de influencia máis ético, transparente y sostible. O encontro reuniu a profesionais do sector para falar de contido, responsabilidade e do futuro das redes sociais na Comunidade.
Lugo acolleu este evento no marco das actividades organizadas ao abeiro da iniciativa Dalle Like, unha proposta que conta coa colaboración da Xunta e que busca recoñecer o talento galego no ámbito dixital e das redes sociais.
O acto central será a entrega dos premios Dalle Like, que se celebrará o 16 de maio no Círculo das Artes e distinguirá a creadores de contido, proxectos dixitais e marcas galegas que destacan pola súa creatividade, impacto e capacidade de conectar coas novas audiencias.