Villaverde destaca o compromiso da Xunta coa formación para propiciar a remuda xeracional no sector do mar
A Consellería do Mar destina este ano preto de 12,4 M€ ao programa de ensinanzas pesqueiras, un 9,5 % máis que no 2025
A responsable autonómica inaugurou en Ribeira a xornada técnica do proxecto Relevo Xeracional: O Futuro no Mar, promovida polos oito GALP galegos en colaboración co do País Vasco
Ribeira (A Coruña), 7 de maio do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, e pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, puxo en valor as distintas liñas de axuda da Xunta destinadas a favorecer a remuda xeracional no sector. Fíxoo no marco da inauguración da xornada técnica do proxecto Relevo Xeracional: O Futuro do Mar, un proxecto promovido polos oito GALP galegos en colaboración cun homólogo do País Vasco.
A responsable autonómica subliñou que o departamento que dirixe destina este ano preto de 12,4 millóns de euros ao programa de ensinanzas pesqueiras, o que supón un incremento do 9,5 % respecto ao exercicio anterior. Este orzamento permite consolidar unha rede autonómica de grandes centros de vangarda formado por tres escolas náutico-pesqueiras situadas estratexicamente en Vigo, Ribeira, Ferrol, ao que hai que sumarlle o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), na Illa de Arousa.
Para facilitar o acceso á formación, Villaverde lembrou que se está a tramitar a nova orde que simplifica a obtención das titulacións que serven de porta de entrada ao mar. Ademais, destacou como novidade o impulso dunha liña de axudas dotada con 350.000 euros para apoiar a formación práctica dos estudantes a bordo dos buques. Estes fondos, cofinanciados polo Fempa, están dirixidos a compensar os gastos dos armadores que colaboren acollendo aos estudantes dos ciclos formativos náutico-pesqueiros.
A conselleira tamén salientou o papel fundamental que xogan as confrarías e organizacións de produtores, para as que se destinan este ano 800.000 euros en axudas específicas de formación. Como principal vantaxe, destacou que estas achegas convócanse en réxime de concorrencia non competitiva, con prazo aberto durante todo o ano, o que permite axilizar a súa tramitación e garantir un acceso máis áxil aos fondos.
No marco desta última orde, no 2025 desenvolveranse 97 accións das que se beneficiaron 1.340 persoas. En total, desde o 2021 -ano no que se puxeron en marcha- e dentro dos períodos Femp e Fempa, estas axudas favoreceron o desenvolvemento de preto de 300 cursos que mobilizaron preto de 1,9 millóns de euros. Desde esa data ata a actualidade, o número de persoas formadas co apoio da Xunta ascende a 4.000, destacando a elevada participación de mulleres, unhas 1.000.
Na mesma liña de asegurar o futuro do sector, Marta Villaverde fixo fincapé no respaldo ao emprendemento marítimo a través da convocatoria de apoios para aqueles tripulantes que desexen adquirir o seu primeiro barco pesqueiro.
Características do proxecto
O relatorio é unha das actividades do citado proxecto que, a través de distintas accións, busca dar a coñecer iniciativas vinculadas á Formación Profesional Dual para facer fronte ao envellecemento das tripulacións e a falta de man de obra cualificada. En paralelo, contribúe a dignificar e valorizar as profesións do mar.
Está dirixido ao alumnado de FP, futuros estudantes do sector náutico-pesqueiro, así como a armadores, centros educativos, entidades formadoras e administracións públicas vinculadas á actividade pesqueira.
Para o seu desenvolvemento, Mar destina 145.520 euros, financiados nun 70 % co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa).