A Casa de Galicia en Madrid impulsa o talento emerxente coa presentación de 'A CONTRA', o novo traballo de Santervás

O director da Casa de Galicia destacou o apoio da Xunta ao talento emerxente e aos proxectos musicais innovadores en lingua galega

Madrid, 7 de maio de 2026

A Casa de Galicia en Madrid acolleu esta tarde a presentación de A CONTRA, o novo traballo discográfico do artista cangués Miguel Santervás, un EP no que o músico explora novas sonoridades e estilos contemporáneos, incorporando entre os seus temas unha bachata en lingua galega.

Durante a súa intervención o director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, destacou a importancia de favorecer espazos de acompañamento e visibilidade para os novos artistas, así como de fortalecer a colaboración entre institucións e sector cultural para impulsar o desenvolvemento profesional do talento emerxente. Neste sentido, subliñou que “desde a Xunta de Galicia seguimos apostando polo talento emerxente e polos proxectos musicais innovadores que contribúen á difusión da nosa cultura e da nosa lingua”.

Ramos referiuse tamén ao programa Camiño de Emprendemento Musical, impulsado por Wake Up! coa colaboración da Xunta de Galicia, unha iniciativa orientada á formación e acompañamento de artistas emerxentes no desenvolvemento das súas carreiras profesionais. “O programa Camiño de Emprendemento Musical é un exemplo dunha colaboración activa e sólida entre a Xunta e o sector cultural para apoiar ás novas xeracións de músicos galegos”, afirmou.

Así mesmo, Luis E. Ramos puxo en valor a relevancia dos Concertos do Xacobeo como unha das principais plataformas de proxección musical e cultural de Galicia. “Os Concertos do Xacobeo consolidan Galicia como un referente musical aberto á innovación, á diversidade artística e á creación contemporánea”, sinalou.

Con A CONTRA, Miguel Santervás presenta unha proposta musical marcada pola fusión de estilos e pola experimentación con novos formatos creativos, reafirmando o dinamismo da actual escena musical galega e a capacidade da música en galego para conectar con novos públicos e explorar novas linguaxes sonoras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/05/2026