Declaración institucional da Xunta de Galicia con motivo do día de Europa

9 de maio de 2026

Dixo D. Ramón Otero Pedrayo que «O camiño francés uniu Galicia con Europa». Así, hoxe, día de Europa, nós os galegos lembramos cos país fundadores da primeira Comunidade Europea que constituímos parte indisociable desta Unión, hoxe sometida á incerteza de forzas domésticas e foráneas.

O 9 de maio de 1950 Robert Schuman, ministro francés de Asuntos Exteriores, fixo unha declaración solemne co propósito de manter a paz perpetua en Europa:

«A paz mundial non pode salvagardarse sen uns esforzos creadores equiparables aos perigos que a ameazan»

Neste 2026 celebramos os 40 anos da adhesión de Galicia, a través da España constitucional e democrática, á entonces chamada Comunidade Económica Europea. Para Galicia, estas catro décadas supuxeron unha auténtica transformación.

Galicia recibiu máis de 32.000 millóns de euros en fondos europeos que contribuíron á modernización das nosas infraestruturas e da nosa economía. Así o testemuñan as nosas universidades, as nosas autovías, os nosos hospitais e centros de saúde. Pasamos de ser unha rexión que buscaba a converxencia a ser a comunidade autónoma que máis creceu dende o ano 2000.

Pero a pertenza a Europa tamén supuxo a consolidación da democracia, a reforma das nosas institucións e a apertura da nosa sociedade. Europa fíxonos mellores, e nós aportamos a Europa a nosa identidade, a nosa tradición e o noso talento: a nosa Galicia Calidade.

A invasión da Ucraína por parte de Rusia marcou un punto de inflexión para Europa, e o conflicto en Oriente Medio demostra que non podemos afrontar en solitario os desafíos xeopolíticos actuais.

Nun contexto internacional de deriva autoritaria, precisamos unha Europa que defenda os nosos intereses e os dos nosos sectores. Somos a primeira potencia pesqueira en Europa e destacamos pola importancia e calidade dos nosos produtos agrícolas, pero Galicia tamén se está consolidando como un nodo tecnolóxico de referencia. Por iso, precisamos que Europa responda ante os profundos cambios do panorama global asegurando a nosa autonomía estratéxica a través da seguridade enerxética e da soberanía tecnolóxica e dixital.

Hoxe Europa, seguindo o camiño marcado polo informe Draghi, fai unha aposta decidida pola competitividade e o crecemento con iniciativas que procuran a redución da burocracia,  a simplificación das normas e o fomento dunha contorna empresarial favorable para que as empresas europeas poidan prosperar. Europa debe apostar por desenvolver produtos propios, reforzando a nosa base industrial e creando valor real na Unión, aproveitando plenamente todo o potencial do mercado único sen renunciar á sustentabilidade.

Neste 9 de maio, e 40 anos despois, seguimos crendo nunha Europa unida na diversidade, que se mantén firme fronte ós desafíos xeopolíticos e fiel ós seus valores democráticos.

Dende esta fisterra occidental da xenuína Fisterra de Occidente, proclamamos alto e claro a nosa fe e o noso compromiso europeo como galegos.

Longa vida por sempre, Europa.

Data de actualización: 09/05/2026