Villaverde cualifica o mexillón de Galicia como un superalimento clave para a saúde e o desenvolvemento da mocidade

A conselleira do Mar visitou o CEIP A Paz-Tintureira de Vigo para impulsar a campaña da DOP ‘Mexillón de Galicia nas aulas’

A Xunta destina este ano 300.000 € a promocionar a calidade e sustentabilidade deste produto entre os máis mozos

Vigo, 8 de maio do 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou hoxe no CEIP A Paz-Tintureira de Vigo na xornada informativa e de degustación “Mexillón de Galicia nas aulas”, unha iniciativa, froito do convenio de colaboración entre a Xunta e a Denominación de Orixe Protexida (DOP) Mexillón de Galicia, que busca fomentar hábitos saudables e dar a coñecer o valor estratéxico deste bivalvo para o litoral galego.

Villaverde cualificou o mexillón como un "superalimento" pola súa alta calidade nutricional, destacando a súa riqueza en proteínas, ferro e omega-3 como elementos esenciais na dieta escolar. A actividade incluíu un contacontos educativo sobre o cultivo tradicional e unha degustación de empanada, permitindo ao alumnado descubrir o ciclo de vida do produto e a súa importancia social.

A conselleira do Mar puxo en valor a relevancia económica do sector na ría de Vigo, que conta con 484 bateas activas que representan máis do 22 % da produción e do 25 % da facturación desta actividade no conxunto da comunidade e que pechou o pasado ano con case 178.000 toneladas producidas cun valor en primeira venda superior aos 124 millóns de euros.

Esta acción é un exemplo da alianza entre o Goberno galego e a DOP, cunha achega pública de 300.000 euros neste exercicio, que reforzan o compromiso cun sector que xera preto de 8.500 empregos e é o sustento de miles de familias.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 08/05/2026