María José Gómez defende unha nova PAC forte, con recursos suficientes e adaptada á realidade do rural galego

Así o afirmou este mediodía en Santiago a conselleira do Medio Rural na clausura das xornadas técnicas de Fondos Agrícolas 2026, organizadas polo Fondo Español de Garantía Agraria (Fega)

Destacou que esta postura é froito do diálogo e do consenso entre a Xunta e todos os sindicatos e organizacións profesionais agrarias, que se recolle nun documento aprobado no seo do Consello Agrario Galego

Sinalou que a PAC “é moito máis ca un sistema de axudas”, xa que en Galicia constitúe, en moitos casos, a diferenza entre manter unha explotación ou pechala, e cualificouna como unha “rede de seguridade” que sostén economía, paisaxe e poboación

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2026

Galicia defende unha nova Política Agraria Común (PAC) “forte, con recursos suficientes” e “adaptada á realidade do rural galego”. Así o resumiu hoxe a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na clausura das xornadas técnicas de Fondos Agrícolas 2026, organizadas polo Fondo Español de Garantía Agraria (Fega), e na que estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño.

A conselleira destacou que esta postura sobre a PAC a partir de 2028 é froito do diálogo e do consenso e que se recolle nun documento conxunto aprobado no último Consello Agrario, asinado pola Xunta e todos os sindicatos e organizacións profesionais agrarias.

Nesta liña, a titular de Medio Rural lembrou que o Goberno galego non só comparte esta posición, senón que a defende activamente, levándoa a Bruxelas da man do presidente Rueda para trasladarlla directamente ao comisario europeo de Agricultura e Alimentación, así como ante o propio Goberno central. Trátase, sostivo a conselleira, “non só de números ou regulacións; estamos falando de que haxa remuda xeracional e de que producir alimentos en Europa siga sendo unha prioridade estratéxica”.

Neste mesmo sentido, Gómez afirmou que a PAC “é moito máis ca un sistema de axudas”, xa que en Galicia constitúe, en moitos casos, a diferenza entre manter unha explotación ou pechala. Por iso, cualificou a Política Agraria Común como unha “rede de seguridade” que sostén economía, paisaxe e poboación.

Recoñecemento aos organismos pagadores

Do mesmo xeito, a conselleira quixo recoñecer o labor dos organismos pagadores -no caso de Galicia, o Fondo Galego de Garantía Agraria, adscrito a Medio Rural-, na medida en que eles son os que traducen unha normativa complexa nun sistema que funciona no territorio. Engadiu que o fan “con rigor, con responsabilidade e cun esforzo constante por cumprir prazos e garantir que os fondos cheguen onde teñen que chegar”.

A maiores, Gómez puxo en valor que a PAC contemple mecanismos de flexibilidade que se poden activar en situacións excepcionais, como vén de facer Galicia tralos incendios forestais do pasado verán. Así, a Xunta recoñeceu como forza maior as zonas afectadas polo lume para a xestión das axudas da PAC nas campañas 2025 e 2026. Isto permitiu adaptar requisitos, considerar admisibles as superficies afectadas e evitar penalizacións ás explotacións danadas.

Data de actualización: 08/05/2026