Arias participa no Friulio, en Friol, e salienta o seu valor turístico e cultural
Friol (Lugo), 9 de maio de 2026
O delegado territorial en Lugo, Javier Arias, participou este sábado na oitava edición do Friulio, a festa de recreación histórica organizada pola asociación A Castronela e o Concello de Friol, que conta un ano máis co apoio da Xunta.
O evento reúne esta fin de semana unha trintena de asociacións, chegadas de distintos puntos de Galicia e do resto de España, que recrean escenarios e actividades vinculadas ao noso pasado castrexo e romano, convertendo Friol nun espazo vivo de divulgación histórica.
Arias resaltou a capacidade de atracción que foi sumando esta celebración ao longo das sucesivas edicións e destacou o interese das festas de recreación histórica, que “permiten afondar no noso pasado e difundir o noso patrimonio cultural” ao tempo que “contribúen ao impulso da economía local e á promoción turística dos concellos”.
O Friulio acolle representacións, desfiles de tropas, xogos populares e diversos obradoiros e demostracións de oficios tradicionais, entre outras propostas, que se completan ademais cunha ampla oferta gastronómica e con actuacións musicais. Un dos momentos máis agardados e espectaculares volveu ser o popular ‘Asedio ao castro’, no que esta tarde se recreou o asalto das tropas romanas aos castros que existían nas terras de Friol.