A directora do Intecmar, Covadonga Salgado, compareceu na Comisión 8ª
A Xunta destaca o proxecto Redecos como ferramenta clave para a mellora da xestión mariña
O Intecmar desenvolve esta iniciativa de predición oceanográfica no marco de Redemar e en colaboración coa Federación Galega de Confrarías
Coa ampliación das estacións de monitoreo a Pasaxe, Baldaio e Pontedeume serán doce os puntos que facilitarán datos en tempo real sobre a salinidade e a temperatura nas zonas marisqueiras
Santiago de Compostela, 12 de maio de 2026
A Xunta avanza na observación das zonas costeiras máis sensibles desde o punto de vista produtivo e ambiental, a través de Redecos, proxecto que o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) está a levar a cabo en colaboración coa Federación Galega de Confrarías, e que supón unha ferramenta clave para a observación e a predición oceanográfica, a xestión ambiental e a resposta ante emerxencias no mar.
Así o puxo en valor este martes, no Parlamento, a directora deste centro dependente da Consellería do Mar, Covadonga Salgado, ao indicar que esta iniciativa, integrada na rede Redemar, permite afondar no coñecemento das zonas marisqueiras mediante a monitorización continua da salinidade e da temperatura. Precisamente, estas variables son determinantes para anticipar impactos sobre especies como a ameixa ou o berberecho en episodios intensos de choiva, como os vividos a comezos deste ano.
Para elo, xa foron instaladas estacións de monitoreo en puntos como Anllóns, Cedeira, Camariñas, Campelo-Combarro, Ribadeo, O Barqueiro, Carril, Miño e Barallobre. O Intecmar prevé a ampliación da rede a Pasaxe, Baldaio e Pontedeume.
O proxecto tamén inclúe unha nova plataforma dixital de xestión, visualización e descarga de datos sobre a temperatura e a salinidade da auga. Esta ferramenta, que funciona a pleno rendemento desde decembro do 2025, intégrase no Observatorio Costeiro de Galicia.
Rede de control
Redecos é unha evidencia máis da aposta pola modernización da rede de control oceanográfica en augas pouco profundas, impulsada pola Consellería do Mar, a través do Intecmar, sendo unha panca mais das redes de observación do Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia, conformadas por 43 estacións oceanográficas, distribuídas nas catro Rías Baixas e na de Ares-Betanzos, e 6 plataformas automáticas e un sistema de radares HF, acoplados entre si nos Cabos Prior, Vilán, Silleiro, e Fisterra.
Estas antenas permiten monitorizar correntes superficiais e ondaxes ata 100 millas da costa, cubrindo o dispositivo de separación do tráfico marítimo da zona da Costa da Morte, polo que transitan anualmente máis de 40.000 buques. Este sistema permite fortalecer tamén os servizos de predición e apoio á xestión marítima, incluíndo o soporte a Gardacostas de Galicia, a Sasemar e ao Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan Camgal).