O director da Axencia Galega das Industrias Culturais visitou o equipo durante a xornada de gravación levada a cabo hoxe en Negreira

A longametraxe `Outono´desenvolve a súa rodaxe en Galicia co financiamento da Xunta á súa produción

O Goberno galego apoia este proxecto da produtora galega Indígena Films xunto a Aquí y Allí Films e 3040 Cine cunha achega de 280.000 euros a través das subvencións ao sector audiovisual

A primeira longametraxe da cubana Giselle Llanio conta no reparto con Carmen Méndez, Santi Prego, Carlos Blanco, Iolanda Muíños, Fran Lareu e Melania Cruz

Negreira (A Coruña),  13 de maio de 2026

A casa rural SanAndo, no concello coruñés de Negreira, acolleu hoxe unha das xornadas de rodaxe do filme Outono, primeira longametraxe da realizadora cubana Giselle Llanio, que acadou o apoio do Goberno galego para a súa produción a cargo da compañía galega Indígena Films, con Sara Horta á fronte, xunto a Aquí y Allí Films e 3040 Cine. Ata o establecemento situado na aldea de Triáns desprazouse o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, quen compartiu uns momentos co equipo da película e coñeceu de primeira man o estado do proxecto.

Outono foi adxudicatario dunha achega da Xunta por importe de 280.000 euros a través da convocatoria de subvencións á produción e coprodución audiovisual do ano 2023 e obtivera xa con anterioridade unha axuda de 5000 euros á promoción do talento en 2020. O filme conta a historia dunha deseñadora de moda compostelá, interpretada pola galega Carmen Méndez, que vive atrapada nun mundo de aparencias e de insatisfacción vital. Incapaz de reconciliarse coa súa historia familiar, Soledad recolle un can sen dono, co que desenvolve un vínculo inesperado e transcendental na súa toma de decisións.

Equipo galego e feminino

Integran tamén o reparto os galegos Santi Prego, Carlos Blanco, Iolanda Muíños, Fran Lareu e Melania Cruz, ademais da actriz vasca Itziar Aizpuru. A todos eles súmase o can Caín, que encarna a Outono e lle dá título á película. Outros nomes presentes cos seus traballos no filme escrito por Giselle Llanio e Araceli Gonda ‒e que reúne maioría de mulleres na produción‒ son Lucía C. Pan como directora de fotografía, Toni Penido no son, Inés R. Sacristán na dirección de arte, Rosa Moledo na asesoría lingüística, Saturna no vestiario e Chicha Blanco na maquillaxe e peiteados.

Na súa visita, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude asistiu á gravación dunhas das primeiras escenas da fita, na que a protagonista chega á casa da súa avoa, recreada no aloxamento negreirés. A rodaxe principal de Outono estase a desenvolver entre o 4 de maio e do 2 de xuño integramente en Galicia, coas localizacións principais na zona monumental de Santiago de Compostela, ademais de algunhas secuencias nos concellos de Ames, Porto do Son e Teo. Son 74 persoas maioritariamente do sector audiovisual galego (14 do equipo artístico e  60 do técnico) as que participan no proxecto, que se está a filmar en versión orixinal en idioma galego en máis do 90% dos diálogos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/05/2026