A Xunta leva retirados máis de 600 niños de avespa velutina na actual campaña de retirada
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, explicou no Parlamento galego que a Xunta ofrece esta solución centralizada coordinada cos concellos a través da encomenda a Seaga renovada por 1,7M€
Detalla que Seaga conta cun equipo de coordinación que organiza os operativos de intervención, cunha previsión de que nos meses de verán nos que se produce unha maior presenza desta especie traballen nestas tarefas máis de 60 operarios
Sinala o aumento da colaboración cidadá coas chamadas ao teléfono 012 ou noutras vías complementarias para comunicar os avisos como o chatbot ou o robot virtual
Natalia Prieto tamén insta a non manipular os niños polos propios medios e a extremar a precaución, sobre todo no caso de tratarse de persoas alérxicas, ou durante as labores de limpeza ou roza de fincas
Santiago de Compostela, 13 de maio de 2026
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, fixo balance hoxe no Parlamento galego da actual campaña de retirada de niños de avespa velutina tras a renovación da encomenda á empresa pública Seaga á que a Xunta destina un ano máis 1,7 millóns de euros. Así, no que vai de ano retiráronse máis de 600 niños desta especie, máis dun 4% por riba dos 578 rexistrados o ano pasado nestas datas. Desta cifra, 313 corresponden a niños retirados na provincia da Coruña, 255 na de Pontevedra, 24 na de Lugo e os 10 restantes na de Ourense. Este plan centralizado de retirada de niños de avespa velutina acordado cos concellos permitiu a retirada de máis de 24.500 niños no ano 2025.
Tal e como explicou a directora xeral, trátase dun plan “vivo” que avanza cada ano co obxectivo de mellorar os resultados acadados e seguir loitando contra esta especie para reducir o seu impacto e reducir a intranquilidade que lles ocasiona á veciñanza a súa presenza. Nesta liña, a Xunta realiza a encomenda da retirada a Seaga, que conta cun equipo de coordinación que organiza aos equipos de intervención. Prevese, segundo detallou Natalia Prieto, que nos meses de verán nos que a presenza desta especie é maior, realicen estas tarefas máis de 60 operarios, aos que o Goberno galego dota aos equipos do material necesario co obxectivo de que poidan traballar con seguridade e eficacia.
Cómpre lembrar que o Goberno galego ofrece unha solución homoxénea, centralizada e coordinada cos 313 concellos galegos para a eliminación ou neutralización de niños desta especie. A Xunta xa viña traballando desde 2014 nun programa de vixilancia e control para minimizar o impacto da avespa asiática na comunidade e, ante o aumento da súa presenza, decidiu redobrar en 2020 os esforzos e actuar cun plan centralizado colaborando cos concellos nos traballos de retirada e extinción dos niños para frear o seu avance.
Natalia Prieto tamén aclarou que a colaboración cidadá é clave na loita contra esta especie e instou a contactar co Teléfono de Atención e Información á Cidadanía 012. Desde a alerta recibida no teléfono 012, o equipo de Seaga procede á retirada no menor tempo posible, se ben hai casos onde os niños son inalcanzables ou dificilmente accesibles e requiren actuacións complementarias ou permisos administrativos ou de propietarios.
Cando os avisos se corresponden cunha urxencia -engadiu- son derivados aos servizos de emerxencias a través do 112 para a súa retirada inmediata como, por exemplo, niños activos no interior de vivendas habitadas, zonas moi concorridas ou se se trata de persoas alérxicas. Neste sentido, instou a extremar a precaución sobre todo no caso de persoas alérxicas e, en ningún caso intentar manipular o niño cos propios medios. Do mesmo xeito, sinalou a importancia de ter tamén especial coidado á hora de realizar labores de limpeza de fincas e rozas ou outros traballos agrícolas, xa que a avespa velutina pode aniñar no chan.
Por outra parte, a directora xeral de Administración Local fixo referencia ao aumento da colaboración cidadá grazas a que cada vez a cidadanía ten máis información sobre a forma de actuar e máis canles para comunicar os avisos. Ademais da atención telefónica a través do 012 a Xunta habilitou nos últimos anos outras vías complementarias para avisar da presenza da avespa velutina como o chatbot ou o robot virtual baseado nas últimas tecnoloxías de intelixencia artificial. Tanto o chatbot como o robot virtual están operativos as 24 horas do día dos 365 días do ano.