A Xunta patrocina o novo festival Son e Mar Vigo, dous ciclos musicais gratuítos no porto con seis xornadas temáticas e preto de 50 artistas

A delegada territorial en Vigo, Ana Ortiz, e a vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, presentaron o festival que se celebrará no peirao de Transatlánticos

O evento, que comezará o 4 de setembro, desvelou as dúas primeiras xornadas temáticas: Lingua Urbana co cantante HardGZ e o cartel de A Movida Viguesa

Grupos emblemáticos e históricos da cidade como Golpes Bajos, Semen Up, Miguel Costas, Killer Barbies e Stoned at Pompei actuarán o 12 de setembro

Nados para Bailar, Aqueles Marabillosos 90, Unifes e Orballo Cultural completarán o primeiro festival con acceso gratis e portas abertas que se celebra en Vigo

Os recoñecidos artistas Silvia Superstar, de Killer Barbies, e Teo Cardalda, de Golpes Bajos, apadriñaron os ciclos musicais durante a presentación

Vigo, 13 de maio de 2026

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz,  acompañada pola vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, presentou este mércores o primeiro festival musical gratuíto que se celebrará na cidade, o Ciclo Son e Mar Vigo 2026, incluído na programación dos Concertos do Xacobeo. Será o vindeiro mes de setembro con seis xornadas temáticas e preto de 50 artistas.

“Teño o pracer de presentar un evento único e inédito na nosa cidade, nada máis e nada menos que seis días de música no corazón de Vigo, con músicos de todas as épocas e con presenza maioritaria do talento local”, apuntou a representante autonómica. Durante o acto de presentación, no que tamén estiveron os recoñecidos artistas vigueses Silvia Superstar e Teo Cardalda, ademais do representante da organización, José Patiño, a delegada territorial sinalou que a Xunta “está absolutamente comprometida coa cultura na nosa cidade” e destacou outros eventos como o Festival MusicaV, Vigo Porté, Underfest, Galicia Fest, WakeUP ou a Xornada Cultural Mar de Galicia.

Segundo explicou Luisa Sánchez, o evento Son e Mar nace coa vocación de converterse nun dos grandes acontecementos culturais e musicais do noroeste peninsular. “E mentres outros falaban, nós traballabamos. Mentres uns faciamos xestións para que Vigo desfrutase de cinco festivais gratuítos, con música galega e en galego, outros exercían de comentaristas da actualidade”, asegurou a vicepresidenta da Deputación tras desvelar que todas as xornadas, excepto a de Lingua Urbana con HardGZ, serán de portas abertas ata completar aforo.

Son e Mar Vigo 2026

Durante seis días do mes de setembro, a cidade de Vigo acollerá un ciclo de concertos único que reunirá diferentes xeracións, estilos musicais e públicos nunha contorna privilexiada: o peirao de transatlánticos do Porto de Vigo, un espazo aberto ao Atlántico e situado en pleno corazón da ría de Vigo. Son e Mar combina música, identidade cultural e experiencia colectiva nunha programación pensada para todos os públicos.

Ao longo do ciclo, preto de 50 artistas pasarán polo escenario principal e espérase unha asistencia superior ás 35.000 persoas entre todos os eventos programados. Unha cifra que reflicte non só a magnitude do proxecto, senón tamén o enorme interese que espertará desde a súa presentación.

Seis días de música en dúas semanas

Segundo explicaron os organizadores, a actividade comezará o vindeiro 4 de setembro coa xornada Nados para bailar, dedicada á música dos anos 90. O sábado 5 de setembro será a quenda de Aqueles marabillosos anos 90, unha homenaxe á década que transformou a música pop e rock en España. O evento reunirá a artistas históricos que foron auténticos fenómenos de masas, protagonistas de números un en emisoras de radio e de concertos multitudinarios por todo o país.

Unifes e Lingua Urbana con HardGZ

O xoves 10 de setembro chegará Unifes, unha das grandes citas dirixidas ao público universitario. Este formato, xa consolidado noutras cidades galegas, conseguiu reunir en anteriores edicións a miles de estudantes ao redor dunha experiencia onde a música, a convivencia e a enerxía xuvenil son protagonistas absolutas. Vigo acollerá agora a edición máis ambiciosa celebrada ata a data.

O venres 11 de setembro terá lugar Lingua Urbana con HardGZ, o único evento de pago do ciclo e tamén un dos que máis expectación xerou. De feito, a venda anticipada xa bateu marcas, confirmando o enorme tirón dun artista convertido en referente absoluto da música urbana en Galicia e en boa parte do panorama nacional.

Movida Viguesa e Orballo Cultural

O sábado 12 de setembro chegará un dos pratos fortes do ciclo: A Movida Viguesa. Esta histórica xornada supón o regreso aos escenarios de artistas fundamentais para comprender a historia musical de Vigo e de Galicia. Bandas e músicos que naceron na cidade e que, desde aquí, conquistaron o panorama nacional e mesmo internacional. Reunir nun mesmo escenario a Golpes Bajos, Semen Up, Miguel Costas de Siniestro Total, Killer Barbies e Stoned at Pompei é moito máis que un concerto: é unha homenaxe a unha xeración irrepetible e a unha cidade que marcou unha época dentro da música española.

O peche do ciclo, o domingo 13 de setembro, chegará con Orballo Cultural, a gran aposta de Son e Mar pola música galega contemporánea e de raíz. O evento reunirá a algúns dos artistas máis importantes e representativos de Galicia, músicos que conseguiron proxectar a cultura galega por todo o mundo mantendo intacta a súa identidade artística. Os organizadores apuntaron que aínda que o cartel completo aínda non pode facerse público, serán cinco grandes figuras de primeiro nivel as protagonistas dunha edición moi especial que converterá Vigo no gran escaparate da música galega actual.

Xornadas e datas (peirao de Transatlánticos):

4 de setembro: Nados para bailar

5 de setembro: Aqueles marabillosos anos 90

10 de setembro: Unifes

11 de setembro: Lingua Urbana con HardGZ

12 de setembro: A Movida Viguesa

13 de setembro: Orballo Cultural

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/05/2026