A Xunta garante o compromiso coa especialización tecnolóxica de Galicia, cun sector TIC competitivo e adaptado ás necesidade do territorio
O conselleiro de Facenda e Administración Pública participou no IV Foro Empresa e Intelixencia Artificial da Coruña, organizado polo xornal Quincemil
Subliñou que nesa especialización xogan un papel protagonista as empresas tecnolóxicas, que seguirán contando co apoio do Goberno galego
A Coruña, 13 de maio de 2026
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe a aposta da Xunta pola especialización tecnolóxica e a soberanía dixital de Galicia, cun sector TIC competitivo e adaptado ás necesidades do territorio.
Durante a inauguración da IV edición do Foro Empresa e Intelixencia Artificial da Coruña, organizado polo xornal Quincemil, Corgos subliñou que nesa especialización xogan un papel protagonista as empresas tecnolóxicas, que seguirán contando, afirmou, co apoio do Goberno galego. Nesta liña, recordou que, nos últimos cinco anos, o número de empresas TIC creceu en Galicia máis dun 7 %, consolidando á Comunidade como a quinta rexión con máis empresas deste sector.
Como exemplo do compromiso da Xunta nesta materia, Corgos destacou a aprobación, en 2025 da lei para o desenvolvemento e impulso da IA na Comunidade, converténdonos na primeira rexión europea que dispón dunha lei propia neste ámbito; a creación do Consello Galego de IA, no que participan, ademais da Administración autonómica, axentes do sector e o ecosistema de coñecemento, representado polas Universidades galegas; e a posta en marcha do Programa Galego de IA 2026-2028 que, dotado con 54 millóns de euros, será a folla de ruta para avanzar e xeneralizar o uso desta tecnoloxía na administración, nas empresas e no día a día dos galegos.
Sobre este último punto, asegurou que esta iniciativa marcará o camiño para poñer a disposición dos cidadáns unha Administración máis eficaz, máis personalizada e máis accesible: con sistemas de xestión intelixente de atención á cidadanía; coa creación de asistentes virtuais que informen sobre todo tipo de trámites e procedemento; ou coa xestión e tramitación intelixentes dos procedementos administrativos e o uso de automatizacións para que resulten máis áxiles e simples.
O conselleiro de Facenda concluíu subliñando que todos estes obxectivos, están xa a ser unha realidade como os sistemas para interpretar probas radiolóxicas na sanidade; para mellorar os diagnósticos nos cribados de varios tipos de cancros; para monitorizar o benestar e a saúde dos persoas maiores ou con discapacidade; ou para conectar a oferta de emprego coa demandas en base a perfiles profesionais.
Por último, no eido das empresas destacou a liña de axudas IA360, dirixida á optimización das cadeas de valor para a mellora da produtividade, mediante a aplicación da intelixencia artificial.