Belén do Campo destaca en Rois o valor das festas de Santo Isidro como exemplo de identidade, convivencia e dinamización do rural
A representante do Goberno autonómico participou nos actos institucionais desenvolvidos no pavillón municipal, onde destacou a importancia de preservar celebracións que forman parte da memoria colectiva e que contribúen a fortalecer os vínculos sociais e o sentimento de pertenza á comunidade
Rois (A Coruña), 15 de maio de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participou hoxe en Rois nos actos centrais das Festas do Santo Isidro Labrador 2026, unha celebración que definiu como “un exemplo da forza das tradicións populares e da capacidade dos concellos galegos para manter viva a identidade e a convivencia no rural”.
Durante a xornada, Belén do Campo acompañou ao alcalde de Rois, Ramón Tojo Lens, e aos membros da corporación municipal nos diferentes actos programados con motivo do día grande das festas patronais, que reuniron centos de veciños e veciñas ao longo de toda a xornada.
A delegada participou nos actos institucionais desenvolvidos no pavillón municipal, onde destacou a importancia de preservar celebracións “que forman parte da memoria colectiva e que contribúen a fortalecer os vínculos sociais e o sentimento de pertenza á comunidade”.
No acto central da xornada, o Concello rendeu homenaxe a José Luis Franco Pérez, rexente da taberna A Carballeira da parroquia de Sorribas, pola súa traxectoria de máis de corenta e cinco anos ao fronte deste establecemento familiar. Belén do Campo puxo en valor “o papel esencial que desempeñan negocios históricos como A Carballeira na vida social e económica dos pobos, converténdose en auténticos puntos de encontro para xeracións enteiras de veciños”.
A representante autonómica felicitou tamén ao homenaxeado “por unha vida de traballo e dedicación á hostalaría local”, así como ao Concello por impulsar un recoñecemento que “visibiliza o esforzo das persoas que contribúen diariamente a manter vivo o tecido social do rural galego”.
Durante os actos, o creador de contido Gabi García Calvo exerceu como pregoeiro das festas. A delegada destacou “a importancia de contar con referentes novos que empregan o galego como ferramenta de comunicación e difusión da realidade dos nosos concellos”.
Belén do Campo participou ademais no tradicional xantar popular celebrado no polideportivo municipal, unha cita que volveu converterse nun dos principais espazos de convivencia da programación festiva e que reuniu centos de asistentes.
A delegada tamén valorou positivamente a instalación do Punto Lila durante a celebración nocturna, subliñando “o compromiso do Concello coa promoción dunhas festas seguras, igualitarias e libres de violencias”.
As Festas do Santo Isidro Labrador completan a súa programación con actuacións musicais, actividades para todos os públicos e diferentes citas deportivas ao longo do mes de maio, entre elas o XIX Premio Ciclista Santo Isidro-Trofeo Suso Blanco Villar e a VII Andaina do Santo Isidro Labrador.
Finalmente, Belén do Campo agradeceu o traballo realizado polo Concello, polas asociacións e pola veciñanza para facer posible unha nova edición dunha celebración “que pon en valor a riqueza cultural, social e humana do rural galego”.