Fabiola García pon en valor as melloras executadas na residencia de Castro Ribeiras de Lea, nas que a Xunta investiu 280.000€
A conselleira de Política Social e Igualdade abordou co alcalde de Castro de Rei novas vías de colaboración para mellorar os servizos de atención a maiores
Santiago de Compostela, 19 de maio do 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse esta mañá en San Caetano co alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, para avaliar novas vías de colaboración de cara á mellorar os servizos de atención a maiores deste municipio.
A conselleira lembrou que a Xunta vén de investir 280.000 euros na residencia pública autonómica de Castro Ribeiras de Lea para mellorar a canalización deste recurso. Do mesmo xeito, explicou que o Goberno galego ten sempre a man tendida para colaborar coas administracións locais na mellora dos servizos públicos e favorecer unha atención de calidade a todas as persoas que o precisen.
Ademais, Fabiola García recalcou que a atención aos maiores é un dos piares fundamentais da Xunta, especialmente nas zonas rurais, facilitando sempre que conten con servizos públicos na contorna como en Castro de Rei. Neste sentido, explicou que no modelo de coidados galego, que busca unha atención centrada nas necesidades dos maiores, é fundamental o papel dos concellos.