O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, explicou no Parlamento as liñas de acción da campaña ‘Modo Verán Activo’ destinada á mocidade de 9 a 30 anos

A Xunta adxudica 9.087 prazas para os campamentos e minicampamentos deste verán

Trátase das dúas modalidades que concentran a meirande parte das propostas dun programa que nesta edición ten capacidade para un total de 11.932 persoas

López Campos destaca que este ano optouse por dar preferencia, entre as 16.000 solicitudes recibidas, “a aquelas persoas que non obtiveron praza no sorteo de 2025”

Incide en que esta é “a maior cifra da historia para unha iniciativa ambiciosa, moi agardada polas familias, e consolidada como referente en España”

Tamén está publicada a resolución para o uso de instalacións xuvenís, mentres están abertos os prazos para os campos de voluntariado e actividades para maiores de 18 anos

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2026

A Xunta acaba de adxudicar mediante sorteo un total de 9.087 prazas para campamentos e minicampamentos, modalidades que concentran a meirande parte da oferta da campaña Modo Verán Activo, que suma un total de 11.932 para esta tempada estival en todas as súas categorías. Trátase da “maior cifra da historia, cun aumento de 300 prazas con respecto ao ano pasado e un orzamento de 5,5 M€”, tal e como lembrou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, no Parlamento, onde respondeu unha pregunta sobre este programa que se desenvolverá de xuño a setembro.

Neste senso, o representante do Goberno galego destacou que con esta programación “Galicia segue a consolidarse como un referente en toda España pola calidade das nosas propostas de carácter lúdico, cultural, deportivo e formativo”. De feito, recibíronse 16.000 solicitudes para optar aos campamentos, con 8.050 prazas en Galicia e 301 fóra da Comunidade para mozos e mozas de 9 a 17 anos, e aos minicampamentos Coñece Galicia, con 876 prazas e destinados á rapazada de 9 a 12 anos.

Así, o conselleiro explicou que “cada ano tratamos de dar a mellor resposta a esta gran demanda”, puntualizando que “nesta edición introducimos como novidade unha preferencia no sorteo para aquelas persoas que non obtiveron unha praza directamente no sorteo do ano pasado. O obxectivo, dixo, “é dotar o sistema dunha maior equidade coa rotación de prazas na adxudicación”.

Deste xeito, os nenos e nenas agraciados gozarán este verán das actividades do campamentos en 36 instalacións das catro provincias, ás que hai que sumar as propostas de fóra da Comunidade a través dos intercambios co País Vasco, Castela e León, Castela-A Mancha, A Rioxa, Madrid e Cantabria.

Como novidades, o programa inclúe este ano Experiencia Galicia Calidade do Verán, en Boqueixón; Explora o Rural, en Vilariño de Conso;  Un verán para lembrar e Multideporte, en Monzariz Balneario. Ademais, amplía o número de prazas en Aventura de Montaña, en Becerreá; nas actividades que se desenvolven no Albergue Xuvenil LUG II, en Lugo; en Hípica e Teatro, en Coles; en Multiaventura, en Corgo de Muíños, e no campamento que se desenvolve no Albergue Municipal de Bande.

Con respecto aos minicapamentos Coñece Galicia, distribúense en 13 programas que se desenvolverán en espazos naturais cunha duración de cinco días, de luns a venres, en aloxamentos distribuídos por toda a xeografía galega.

Ademais, López Campos resaltou que “sempre avogamos por unha campaña plenamente integradora e inclusiva na que todos os mozas e mozas participan en igualdade”. Referiuse así ao traballo conxunto e transversal dos distintos departamentos da Xunta tendo en conta a colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade; do Medio Rural; de Emprego, Comercio e Emigración ou de Facenda e Administración Pública.

Abertas as inscricións nas actividades para maiores de 18 anos

Desde o 13 de maio, e ata o vindeiro  luns 25, está aberto o prazo para inscribirse no paquete de actividades de ocio educativo, alternativo e saudable para persoas de 18 a 30 anos, que ofrece 160 prazas centradas en cinco programas de cinco días de duración. Os mozos e mozas poderán mellorar as competencias e habilidades a través da educación non formal de maneira que coñezan a xeografía e o patrimonio natural, cultural e etnográfico de Galicia.

Pola súa banda, a modalidade de campos de voluntariado, que conta nesta edición con 665 prazas en Galicia distribuídas en 40 propostas, ás que hai que sumar outras 75 prazas noutras comunidades autónomas e 75 máis no estranxeiro, mantén activa unha segunda convocatoria de solicitudes ata tres días antes do inicio de cada actividade das que se fan na Comunidade, sempre que queden prazas vacantes.

Trátase de accións que maioritariamente se desenvolven en colaboración cos concellos e pretenden favorecer a convivencia, a participación, a tolerancia e a solidariedade entre a mocidade e a súa contorna, a través da colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos á vez que gozan de alternativas de lecer e tempo libre.

Como novidades, recupérase o campo Alí, Xaz, en Ponteceso, e Samos, en Lugo. Así mesmo, inclúense outros novos: Monte Cido, en Folgoso do Courel; Territorio Sonoro, no Incio; Fervenza das Polancas, en Quiroga;  Camiño de Inverno: natureza e arte en cada paso, no Barco de Valdeorras; Volobriga, no Bolo; Memoria Viva, na Estrada; Memoria do Mar, en Baiona, e Ons, en Bueu.

Ademais, o Diario Oficial de Galicia xa publicou a resolución doutra das modalidades, a oferta directa de actividades concertadas nas instalacións xuvenís por parte de asociacións, entidades prestadoras de servizos á mocidade, escolas de tempo libre, corporacións locais e outras entidades públicas ou privadas que leven a cabo plans relacionados cos mozos e mozas. A proposta ten 1.270 prazas organizadas en quendas de cinco a 10 días de duración.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/05/2026