A EGAP pecha os actos de celebración do Día das Letras Galegas animando ás novas xeracións a usar o galego en todos os ámbitos da vida

Participaron o conselleiro de Facenda e Administración Pública e a directora da Escola Galega de Administración Pública

Destacaron o compromiso da EGAP coa difusión e o fomento do emprego da lingua galega

No acto, no que se rendeu homenaxe á escritora e xornalista Begoña Caamaño, fíxose entrega dos galardóns do concurso de literatura infantil e xuvenil organizado pola Escola

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2026

A Escola Galega de Administración Pública pecha os actos de celebración do Día das Letras Galegas animando ás novas xeracións a usar o galego en todos os ámbitos da vida. Na clausura da homenaxe á autora á que se conmemora este ano, Begoña Caamaño, participaron o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos.

Durante a súa intervención, Miguel Corgos reafirmou o compromiso da Xunta coa defensa e promoción do galego, “un dos piares fundamentais do noso patrimonio inmaterial”. Destacou que “o galego é a lingua coa que podemos expresarnos nas redes sociais, na literatura, no ámbito laboral e do lecer”, reafirmando a creación galega e en galego.

Corgos aproveitou a súa intervención para resaltar e agradecer o compromiso da Escola Galega de Administración Pública coa difusión e o fomento do emprego da lingua galega, con actividades como, por exemplo, o concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas, cuxos galardóns foron entregados ao longo do acto.

O conselleiro de Facenda concluíu subliñando que a lingua galega representa un elemento capital da nosa singularidade, “un patrimonio cultural que nos define como pobo e que constitúe unha parte significativa da excelencia e autenticidade da nosa Galicia Calidade”.

Pola súa banda, a directora da EGAP, encargada de inaugurar o acto xunto ao secretario xeral da Lingua, Valentín García, e á vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra, destacou a figura de Begoña Caamaño “pola súa contribución á literatura galega contemporánea e a súa capacidade para abrir novos espazos de representación feminina na narrativa galega”. Sonia Rodríguez-Campos sinalou que se trata dunha homenaxe “plenamente merecida a unha autora que soubo reinterpretar os grandes mitos clásicos desde unha perspectiva innovadora, feminista e profundamente humanista”. 

Ademais afirmou que a súa homenaxe adquire un significado especial para as institucións públicas galegas e para organismos como a EGAP. “A figura de Begoña Caamaño representa valores plenamente vinculados ao servizo público: a defensa da igualdade, o compromiso coa cidadanía, a promoción da cultura propia e a construción dunha sociedade máis democrática, inclusiva e crítica”.

Durante a xornada conmemorativa leváronse a cabo diversas actividades para dar a coñecer o legado da homenaxeada como o relatorio que impartiu o escritor e docente Ramón Nicolás Rodríguez Begoña Caamaño, identidade, barrio e creación, así como a entrega dos galardóns do concurso de literatura infantil e xuvenil organizado pola EGAP con motivo do Día das Letras Galegas.

O acto completouse coa proxección dun vídeo homenaxe e unha actuación musico-literaria a cargo de Inma López Silva e Francisco Castro.

Viaxe de interese cultural

As actividades convocadas pola Escola para esta efeméride rematarán coa xa tradicional viaxe de interese cultural para o persoal empregado público, que terá lugar o domingo 24 de maio, e percorrerá Vigo, vila natal de Begoña Caamaño.

Data de actualización: 21/05/2026