A Xunta destaca o papel esencial da seguridade privada na protección das persoas e na garantía da conviviencia
Belén do Campo e Santiago Villanueva participaron no acto do Día da Seguridade Privada no que se recoñece o compromiso e a profesionalidade dos traballadores do sector
A Coruña, 21 de maio de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, asistiron esta mañá ao acto do Día da Seguridade Privada, unha xornada organizada para recoñecer e poñer en valor o compromiso, a profesionalidade e a contribución diaria das persoas que forman parte deste sector estratéxico.
Os representantes autonómicos agradeceron o labor que desenvolven os profesionais da seguridade privada en Galicia, destacando a súa implicación na protección das persoas, dos bens e dos servizos en múltiples ámbitos da vida cotiá.
A seguridade privada presta servizo en espazos e ámbitos moi diversos, como edificios públicos, infraestruturas, centros comerciais, eventos público ou hospitais desempeñando unha función fundamental para garantir a convivencia e reforzar a seguridade.
Belén do Campo salientou ademais a importancia da colaboración permanente entre o sector da seguridade privada e as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, unha coordinación que cualificou de “esencial para ofrecer unha resposta eficaz e mellorar a protección da cidadanía”.
Neste senso, puxo valor a profesionalización e especialización crecente do sector, así como a súa capacidade de adaptación ás novas necesidades e retos en materia de seguridade.
No transcurso do acto ambos dirixentes recoñeceron o traballo e a traxectoria de distintos profesionais e empresas do sector pola súa dedicación e compromiso no desempeño das súas funcións.