Galicia Escena PRO chega a súa 13ª edición co récord de 252 profesionais acreditados e 136 propostas recibidas
A feira das artes escénicas organizada pola Xunta e a asociación Escena Galega reunirá do luns 25 ao xoves 28 en Santiago de Compostela 84 programadores nacionais e internacionais, co que se supera tamén a cifra de anos anteriores
A nova edición rebordou a marca de propostas artísticas recibidas, con 82 candidaturas para funcións completas e 54 para presentacións en formato ‘pitching’
A programación inclúe 32 espectáculos e proxectos de produción galega e prevé arredor de 400 reunións ‘one to one’ na zona de negocio
Santiago de Compostela, 22 de maio de 2026
A Xunta de Galicia reunirá desde o luns 25 e ata o xoves 28 de maio, en Santiago de Compostela, 252 profesionais da programación, distribución e produción de espectáculos con motivo da 13ª edición de Galicia Escena PRO, o mercado das artes escénicas organizado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude xunto coa asociación Escena Galega, que acada este ano cifras récords de participación.
Entre os axentes culturais que acudirán ao encontro figuran 84 responsables de espazos, festivais e redes de espectáculos, máis tamén que na pasada edición, cos que se prevé a celebración de arredor de 400 reunións de traballo ‘one to one’ co obxectivo de favorecer a contratación e a circulación das montaxes de todos os xéneros escénicos producidas en Galicia, que terá lugar na área de negocio, na Zona PRO instalada no Museo das Peregrinacións e de Santiago.
Entre as persoas acreditadas destacan as procedentes de escenarios, certames e circuítos de Portugal, como Cena Lusófona, Festival Internacional Cómico de Maia, Fazer a Festa ou a Mostra de Galiza en Coimbra, así como representantes do resto do Estado vinculados a FiraTàrrega, MadFeria, Dansa València, Semana de Danza de Cartaya (Huelva) ou dos concellos de Eibar, Segovia, Cáceres ou Madrid, entre outros territorios.
Ademais, Galicia Escena PRO 2026 chega reforzada no seu papel de ferramenta relevante para a dinamización do sector, como testemuña a recepción de 136 propostas artísticas á convocatoria deste ano, das que 82 optaban á exhibición en formato completo e 54 ás sesións pitching para proxectos en proceso.
A carteleira deste ano, seleccionada por unha comisión nomeada ao efecto por Escena Galega, está integrada por 32 espectáculos e proxectos de produción galega, dos que 19 se representarán nos cinco escenarios sedes de Galicia Escena PRO (Salón Teatro, Teatro Principal, Auditorio Abanca, Fundación SGAE e Centro Galego de Arte Contemporánea)¡ e localizacións ao aire libre da zona monumental compostelá; e 13 se avanzarán en sesións breves diante de profesionais da distribución e da programación.
Escaparate aberto para a creación galega
A selección ofrece unha panorámica da escena galega actual, tanto con compañías de longa traxectoria como formacións emerxentes, con pezas de diferentes xéneros e formatos que suman preto de 20 horas de actuacións sobre as táboas nas catro xornadas. Ademais das actividades dirixidas só a profesionais, Galicia Escena PRO abre a meirande parte da súa carteleira ao público xeral. Así, as persoas non acreditadas poderán asistir de balde aos espectáculos programados nos horarios de tarde, segundo a dispoñibilidade de cada espazo e previa retirada dos convites na Zona (aberta de 9,00 a 14,00 h. e de 16,00 a 19,00 h.), en tanto que as funcións matinais dirixidas a público familiar contarán coa asistencia de escolares de varios centros de ensino.
A axenda de exhibición comezará o luns 25 con Coralinda, de Elefante Elegante, no Salón Teatro ás 12,00 horas e continuará esa mesma xornada nos distintos horarios e espazos con Transparentar, de Enésima; Diz-me, meu amor, de Raquel Ferradás e María de Vicente ‒coa que se inaugurará oficialmente o evento ás 18,00 h. na praza de Mazarelos‒, Artur Ui, o ovo da serpe, de Talía Teatro, e BenQuerer, de Fran Sieira, compañía de danza. O martes 26 será a quenda de O libro da selva. O musical, de Ártika Cía.; Oh, mammi blue, de Cinema Sticado; Alén, de Colectivo Glovo; Quema, da Cía. Jacob Gómez; Sen patrón, de Pistacatro Produtora de Soños; Bio Construción, de Ibuprofeno Teatro, e Bibidibabidibú!, de Teimas, esta última como mostra do xénero de improvisación, ás 22,30 h. na Sala Riquela e con acceso só concredencial.
O mércores 27 poderán verse Voo, de Teatro O Cubo; Meu Rei, de Daniel Lezso; Miña pequena, de Constance Hurlé; Manual de patronaxe, de Teatro do Noroeste; Ninguén tira fotos nos enterros, de Carlota e Compañía, e 52-BLAU, de iXa. A programación rematará o xoves 28 con El escondite de la abuela, de La Tartana Teatro; Alicia Wants To, de Bengala Teatro Físico; Mofa&Befa: Os dous de sempre, de Producións Teatrais Excéntricas, e Xoguetes rotos, de Barrosanta e ButacaZero.
Actividade profesional e debate
Xa dentro da actividade reservada estritamente ás persoas acreditadas, o Museo das Peregrinacións e de Santiago será o epicentro das reunións one to one, dos pitchings, do espazo de traballo e das mesas-coloquio. Así, o luns 25, ás 13,30 h., presentarase unha primeira quenda de proxectos en proceso con Clic, de Culturactiva Producións; ComedIA, de Píscore; Crónica do rei pasmado, de Contraproducións; Curie ou a simetría dos fenómenos físicos, de Empatía Teatro; Oh!, de AsSircópatas, e Vila, de Marcos PTT. O martes 26, tamén ás 13,30 h., desenvolverase a segunda sesión de presentacións rápidas con Abúrrome, de martaalonsotejada cía.; CROIX, conferencia bailada, de Paula Quintas Cía.; Hiranya, de Eva Comesaña; Less dragqueens and more ChuNorris / Menos dragqueens e máis ChuNorris, de ALÓproducións; Manchas de sangue, de Torta Torta; O meu pai naceu o mesmo ano que Mick Jagger, de Tarabela Creativa, e Ritu, de Nova Galega de Danza.
A feira propón, así mesmo, dous espazos de reflexión arredor da distribución e da circulación das artes escénicas. O mércores 27, ás 13,30 h., celebrarase a mesa Redes en movemento, centrada nos espazos de exhibición escénica máis alá dos circuítos habituais. Participarán nela Noelia Fernández, xerente da compañía Escena Miriñaque e presidenta de Red de Teatros Alternativos; José Luis González “Poxpolo”, responsable da área de Cultura do Concello de Eibar, e Paula Quintas, presidenta de Red Acieloabierto, rede de festivais de danza contemporánea en espazos non convencionais. Moderará Carmen Conde, directora da compañía Tarabela Creativa.
E o xoves 28, ás 13,30 h., Produción e distribución: obsolescencia programada poñerá o foco nunha realidade cada vez máis presente no sector: a presión cara a unha produción constante. Os relatorios correrán a cargo de María José Mora, directora de Dansa València; Abigail Ballester, directora executiva de FiraTàrrega; Cristina Cazorla, codirectora de Trapezi, Fira del Circ de Catalunya, e Rocío Pindado, distribuidora de Portal 71 Producciones Culturales. Moderará Juan Rodríguez, director das compañías Pedras de Cartón e Caramuxo Teatro.