A Filmoteca de Galicia presenta a nova recuperación dixital de cinco curtas producidas por Víctor Ruppen nos anos 70

A sesión especial de ‘Materiais para unha historia do cine en Galicia’ terá lugar o martes 26 ás 20,30 h. con entrada de balde e presenza de persoas vencelladas aos equipos e á contorna do produtor coruñés

O programa reúne as proxeccións de ‘Fendetestas’, ‘Illa’, ‘O herdeiro’, ‘O cadaleito’ e ‘O pai de Migueliño’, realizadas de 1975 a 1977 e consideradas en conxunto un dos intentos máis sistemáticos da época para facer cinema en galego en formatos profesionais

Os traballos leváronse a cabo en colaboración con Filmoteca Española, onde se gardan os negativos orixinais dos filmes

A Coruña, 24 de maio de 2026

A Filmoteca de Galicia presenta o vindeiro martes 26 de maio, ás 20,30 h. na sala José Sellier da Coruña, unha sesión especial dedicada á recuperación de cinco curtametraxes producidas polo coruñés Víctor Ruppen entre 1975 e 1977. As proxeccións, integradas na sección Materiais para unha historia do cine en Galicia, permitirá ver en novas restauracións dixitais Fendetestas, Illa, O herdeiro, O cadaleito e O pai de Migueliño, nun traballo realizado pola Xunta de Galicia en colaboración con Filmoteca Española.

A sesión, de entrada de balde, contará coa presenza de persoas vencelladas aos equipos das obras e á contorna e familia de Víctor Ruppen (A Coruña, 1940-2018), figura clave para entender unha etapa decisiva na procura dun cinema galego con continuidade, ambición profesional e vontade de diálogo co público.

Arquitecto técnico de formación, produciu en total sete películas e foi socio das cadeas de exhibición Valle-Inclán, en Santiago de Compostela, Alphaville, en Madrid, e das distribuidoras Musidora e Videogram. Tras apoiar proxectos en súper 8, Víctor Ruppen impulsou a partir de 1975 o salto cara a formatos profesionais, con traballos en 16 mm e 35 mm que lles facilitaron aos cineastas da época novas condicións de produción e circulación.

Un bloque singular dos anos setenta

O programa proposto pola Filmoteca de Galicia recupera cinco títulos que, desde diferentes autorías e miradas, compartiron o impulso de producir filmes en galego e en formatos capaces de superar a marxinalidade amateur nun momento de especial efervescencia cultural e política.

A primeira das proxeccións do martes será Fendetestas, dirixida por Antonio F. Simón en 1975 e rodada en 35 mm, unha peza arredor dun home que, polas circunstancias sociais da década dos corenta, se ve obrigado a converterse en salteador de camiños. Tras ela poderá verse Illa, de Carlos A. López Piñeiro, sobre a resistencia dun mozo mariñeiro a abandonar unha illa cada vez máis turística. Seguirán O herdeiro, de Miguel Gato, a viaxe dun neto que volve á aldea para facerse cargo da herdanza do seu avó; O cadaleito, de Enrique Baixeras, que explora as relacións sociais no medio rural galego, e O pai de Migueliño, de Miguel Castelo, que conta as lembranzas dun mozo antes de emigrar.

Estas obras adquiriron co tempo unha consideración singular dentro do cinema galego, tanto pola súa vontade de incorporar claves propias da identidade cultural galega como pola decisión de construír unha produción continuada arredor do formato curto.

Conservación e difusión do patrimonio audiovisual

A presentación destas restauracións dixitais forma parte do traballo da Filmoteca de Galicia na recuperación, conservación e posta en valor do patrimonio audiovisual galego. Así, desde o centro audiovisual da Xunta asumiuse a redixitalización completa de Illa, en tanto que o resto de títulos son froito da colaboración con Filmoteca Española, onde estaban depositados todos os negativos orixinais. Este traballo en común permitiu abordar a restauración destas fitas, facilitando o seu regreso á pantalla en condicións renovadas e garantindo a súa preservación futura.

A través da sección en continuidade de Materiais para unha historia do cine en Galicia, a cinemateca galega mantén unha liña de programación centrada en revisar filmes, arquivos e documentos fundamentais para comprender a evolución da creación audiovisual galega.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/05/2026