López Campos subliña a relevancia dos certames audiovisuais galegos na colocación da estrela do cineasta Julio Medem no Festival de Cans

A Xunta apoia a 23ª edición do certame que chega esta noite ao seu fin na aldea porriñesa cun novo éxito de participación profesional e veciñal arredor do seu singular modelo de dinamización rural a través da cultura

O Porriño (Pontevedra), 23 de maio de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou hoxe o Festival de Cans durante a última xornada da súa 23ª edición para participar no acto de colocación da estrela coa que o certame homenaxea o cineasta donostiarra Julio Medem. O encontro, que se vén celebrando desde o pasado 19 de maio na aldea da localidade pontevedresa do Porriño, remata esta noite coa súa entrega de premios e despois de ter ofrecido unha ampla e variada programación de curtametraxes na sección competitiva, ademais de música, exposicións e coloquios.

O titular de Cultura da Xunta felicitou á dirección do Festival de Cans por ter chegado con éxito de desenvolvemento e participación un ano máis ao remate dun evento tan singular “pola súa fachenda do rural sen complexos” e pola “excelente implicación popular que concita como valores engadidos á exhibición cinematográfica”. Tamén gabou o papel conxunto que os festivais do circuíto profesional galego lle prestan ao avance do sector audiovisual e lembrou, neste sentido, a achega da Xunta de Galicia para facelos posibles a través dunha liña específica de axudas da que Cans é beneficiario.

Nun acto no que estivo acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, López Campos doulle persoalmente os parabéns a Julio Medem por acadar a súa estrela no Torreiro de Cans, un recoñecemento que na xornada de onte se lle concedeu tamén á realizadora galega de orixe vasca Jaione Camborda. 

O Festival de Cans 2026 finaliza tras unha competición oficial de 13 curtametraxes de ficción e animación, nas que se desenvolveron 10 estreas, xunto a 11 propostas na categoría de non ficción. As obras seleccionadas abordaron temáticas como o medio ambiente, a saúde mental, a violencia de xénero, a memoria, o despoboamento, a identidade ou o universo LGTBI+, con linguaxes que foron do drama social á animación, o terror, a comedia negra ou as narrativas híbridas. As obras de Anxos Fazáns, Alejandro Gándara, Ariadna Silva, Bea Lema, Guillermo de Oliveira, Virginia Curiá, Diana Toucedo, Fon Cortizo, Hugo Amoedo ou Andrea Zapata son algunhas das que representaron á produción audiovisual galega na programación deste ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/05/2026