A Xunta participa na entrega dos Premios Ártabros a organismos, entidades e persoas destacadas na área de Ferrolterra
O acto celebra o décimo quinto aniversario do xornal Galicia Ártabra, que entregou 15 galardóns para conmemorar a efeméride
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, entregou o galardón á Armada na celebración do 300 aniversario da designación de Ferrol como Departamento Marítimo
Ferrol, 22 de maio de 2026
A Xunta participou hoxe na entrega dos Premios Ártabros a organismos, entidades e persoas destacadas na área de Ferrolterra. O acto celebra o décimo quinto aniversario do xornal dixital Galicia Ártabra, que entregou 15 galardóns para conmemorar a efeméride no teatro Jofre de Ferrol.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, representaron ao Goberno galego no evento. Na súa intervención, Miguel Corgos puxo en valor o xornalismo de proximidade e a necesidade do rigor e a profesionalidade no exercicio dunha profesión que hai que reivindicar na defensa da veracidade informativa.
Radiografía fidedigna da Ferrolterra
O responsable da Facenda galega felicitou tamén a cada un dos quince galardoados nesta edición do Premios Ártabros 2025-2026, “persoas, entidades e institucións”, dixo, “que conforman unha radiografía fidedigna de Ferrol e da Ferrolterra dos nosos días: dinámica e emprendedora, que superou para sempre as dificultades do pasado e se amosa disposta a sacar proveito das oportunidades que chaman ás súas portas”.
Premio á Armada española
Miguel Corgos foi tamén o encargado de entregar o galardón á Armada española, no ano no que se cumpre o 300 aniversario da designación de Ferrol como Departamento Marítimo. O conselleiro destacou a vinculación histórica, económica e estratéxica da cidade e a Armada, co Arsenal Militar de Ferrol como unha das xoias da arquitectura industrial e militar de Europa ou o motor industrial que supón para a zona a actividade dos estaleiros, que levan séculos nutrindo de buques á Armada.