O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou no XXXVI Congreso Internacional de Xeriatría e Xerontoloxía
A Xunta aposta por un modelo de atención que se adapta as preferencias e necesidades de cada maior
O Goberno galego impulsa ademais diferentes iniciativas para promover o envellecemento activo e combater a soidade non desexada
Lugo, 22 de maio do 2026
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, trasladou esta tarde no XXXVI Congreso Internacional de Xeriatría e Xerontoloxía a aposta da Xunta por un modelo de atención e coidados que se adapta ás preferencias de cada maior e ás necesidades do territorio.
Antón Acevedo explicou as particularidades que caracterizan Galicia, cunha poboación cada vez máis lonxeva e cunha marcada dispersión da poboación. Todo isto, recalcou, determina que as políticas públicas impulsadas pola Xunta se centren en ofrecer aos maiores a posibilidade de pasar esa etapa das súas vidas como desexen e onde prefiran, ampliando os recursos de proximidade e a oferta de servizos, como as casas do maior ou o Bono Coidado no Fogar.
Neste sentido, o director xeral tamén lembrou que o Goberno galego impulsa diferentes iniciativas para promover o envellecemento activo e combater a soidade non desexada. Así, indicou a importancia dos programas pioneiros como Benestar en Balnearios ou o Carné +65, accións que ofrecen aos maiores a posibilidade de seguir desfrutando con plenitude dunha nova etapa, sen renunciar a nada e cunha importante participación na vida social.
Ademais, Antón Acevedo agradeceu á Sociedade Galega de Xeriatría e Xerontoloxía por seguir apostando por espazos de diálogo e reflexión coma este congreso que son esenciais para seguir mellorando as políticas públicas. Do mesmo xeito, durante a inauguración, o director territorial de Política Social e Igualdade en Lugo, Óscar Viñas, trasladou o compromiso da Xunta con estas iniciativas que buscan garantir o benestar dos maiores.