A Xunta destina máis de 24 M€ a dotar a xustiza dixital de sistemas intelixentes e achegala á totalidade do territorio galego

Rueda salienta que o obxectivo é avanzar cara un sistema “máis eficaz, personalizado e accesible”

O novo Plan Senda 2028, adapta a Xustiza galega ao novo marco legal estatal e reorganiza o servizo para achegalo ao rural, evitar desprazamentos e combater o despoboamento

Destaca que se incluirá servizos de “atención remota por videoconferencia” para realizar algúns trámites ou asistir ás vítimas de delitos

Dotará de operatividade as 268 oficinas de xustiza no municipio (OXM) de Galicia

Introduce na xestión xudicial o programa Atenea, compartido co Ministerio de Xustiza, que normaliza o uso do galego, permite intercambiar información co resto da Administración, e adáptase ao novo modelo de tribunais de instancia

Incorpora ferramentas que usan IA, como o novo visor intelixente do expediente, asistentes virtuais para profesionais e cidadáns, a xestión forense intelixente ou os certificados de sinatura cuántica

O Consello tamén recibiu un informe sobre a evolución do Plan Senda ata 2025, que permitiu a universalización da Xustiza en Galicia

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello aprobou hoxe o Plan Senda 2028, dotado de 24,4 millóns de euros, e que busca “mellorar os servizos dixitais da xustiza e avanzar cara un sistema máis eficaz, personalizado e accesible”.

O Plan busca adaptar a Xustiza dixital de Galicia ao novo marco legal estatal, introduce a intelixencia artificial como elemento central e transversal e achega o servizo á cidadanía, sobre todo nas áreas rurais. O Plan traslada á Xustiza dixital a visión da Estratexia Galicia Dixital 2030.

Do orzamento de 24,4 millóns de euros, 17,5 millóns corresponden a fondos da Comunidade Autónoma e 6,9 millóns ao programa Galicia Feder 2021-2027. Este investimento súmase aos 43 millóns de euros investidos no Plan Senda entre 2020 e 2025.

O Plan Senda 2028 asume o desafío de adaptar a Administración de xustiza de Galicia ao novo marco legal estatal establecido pola Lei orgánica 1/2025 e polo Real decreto lei 6/2023. Ademais de axustarse ao novo modelo organizativo de tribunais de instancia e oficinas de xustiza no municipio, que achegan os servizos a toda a poboación, o plan introduce a intelixencia artificial como elemento central e transversal. Entre as novas utilidades que empregan esta tecnoloxías están o novo visor intelixente do expediente xudicial (Viaexe), os asistentes virtuais ao servizo das persoas que traballan na Administración de xustiza ou a explotación intelixente da información forense.

Novo sistema bilingüe de xestión procesual

Unha das principais novidades é a substitución do sistema de xestión procesual Minerva por Atenea, unha plataforma tecnolóxica moderna bilingüe, plenamente interoperable e adaptada ao novo modelo organizativo. Este cambio é o resultado de dous convenios asinados co Ministerio de Xustiza. A posibilidade de usar o idioma galego no sistema de xestión procesual foi demandada insistentemente pola Xunta de Galicia.

De acordo coa Estratexia Galicia Dixital 2030, e como sucede no resto da Administración e os servizos públicos de Galicia, implántase un modelo de xustiza orientada ao dato. Isto permite configurar uns servizos máis eficaces e máis personalizados. Neste sentido, créase o Rexistro de Datos Mestres de Xustiza (RDMX), con sistemas de consulta sinxelos para o persoal interno e para a cidadanía.

Oficinas de xustiza do municipio

O Plan Senda 2028 permitirá consolidar as 268 oficinas de xustiza do municipio (OXM) como puntos de acceso próximo para a cidadanía en concellos sen sede xudicial. O obxectivo é achegar a Xustiza ao rural, evitar desprazamentos, favorecer a cohesión territorial e evitar o despoboamento.

Ademais, poñerase en marcha Conecta Xustiza, “un sistema de atención remota, que permitirá facer trámites por videoconferencia” e que beneficia especialmente a persoas que residen en áreas rurais ou que teñen problemas de mobilidade.

Haberá, así mesmo, un asistente virtual especializado (Conversa Xustiza) que proporcionará soporte técnico para os servizos dixitais e que ofrece información e orientación en linguaxe natural e comprensible sobre os servizos e trámites dispoñibles.

Tamén se consolidarán as prestacións dixitais das oficinas de atención á vítima do delito, coa incorporación “de atención remota por videoconferencia para as vítimas” con dificultades de desprazamento. Estas oficinas prestan atención, entre outras, ás vítimas de violencia de xénero.

Créase a Canle Xustiza, para a información, divulgación e educación xurídica, dirixida á cidadanía en xeral e, especialmente, á xuventude, co obxectivo de achegar o sistema xudicial á sociedade e reducir a fenda dixital.

As persoas sen habilidades dixitais disporán do programa Acompaña, un sistema integral de atención presencial nas sedes xudiciais, que garantirá a accesibilidade universal e empregará unha linguaxe clara e accesible.

O Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) avanza cara a xestión dixital de probas e evidencia cunha maior garantía na canle de custodia, incorpora ferramentas de teleperitaxe e aplicará a explotación intelixente da información forense para identificar patróns e tendencias.

O Plan tamén introduce certificados de sinatura cuántica en mobilidade para avogados e persoal xudicial, o que sitúa a Galicia na vangarda da seguridade criptográfica aplicada á xustiza.

Plan Senda 2025

O Consello tamén recibiu un informe sobre os resultados do Plan Senda 2025, que consolidou a universalización da Xustiza dixital en Galicia. Entre os resultados destaca a evolución de 77 salas de vistas dixitais que había en 2021 a completarse a dixitalización da totalidade das salas (211). “E pechamos 2025 con 170.000 expedientes xudiciais electrónicos, cando no 2021 era algo residual”, salientou o presidente.

O Plan Senda 2025 permitiu a creación das oficinas de información ás vítimas do delito nas sete cidades de Galicia, nas que se seguiron máis de 1.500 expedientes en 2025.

Entre os proxectos singulares e pioneiros destaca a automatización das comunicacións de autopsias ao INE, un sistema que reduce moito o traballo burocrático dos forenses.

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/05/2026