A Xunta pide ao coordinador europeo do Corredor Atlántico que se teñan en conta as principais demandas de Galicia no seu desenvolvemento
O Goberno Galego mantivo hoxe un encontro en San Caetano co coordinador europeo do Corredor Atlántico, François Bausch, ao que agradeceu a súa boa disposición para manter dita reunión, tal e como se lle solicitara en diversas ocasións
Reiterouse a urxencia de coñecer os datos sobre o avance das obras e proxectos vinculados á rede, así como de ter acceso ao Plan director co detalle das actuacións
Insistiuse na necesidade de axilizar as obras de alta velocidade pendentes, en especial a conexión entre Vigo e Porto
Tamén aludiu á importancia do transporte de mercadorías, e entre as reivindicacións destacou o carácter esencial dos portos de Vigo e Ferrol, coa demanda de que a Unión Europea aumente o seu apoio e aposta por ambos os dous, estratéxicos para Galicia
Santiago de Compostela, 25 de maio de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e a conselleira do Mar, Marta Villaverde, reuníronse hoxe co coordinador europeo do Corredor Atlántico, François Bausch para abordar as principais demandas que Galicia eleva a Europa en relación ao desenvolvemento do Corredor Atlántico. O Goberno Galego amosou o seu agradecemento a Bausch pola súa boa disposición para o encontro mantido, algo que a Xunta lle solicitara en anteriores visitas a Bruxelas.
Na xuntanza, Galicia reiterou unha vez máis a urxencia de coñecer os datos sobre o avance das obras e proxectos vinculados á rede, así como de ter acceso ao Plan director co detalle das actuacións, investimentos e calendarios, e onde se inclúa, ademais, unha coordinación con Portugal.
Segundo indicou Diego calvo, ter esta información é fundamental, de aí as reiteradas peticións realizadas por parte do Goberno galego ao Goberno central, pero ata o de agora tan só se recibiron presentacións incompletas e descoñécese se os plans existentes polo Executivo central resolven os problemas estruturais ou so se aplican solución parciais.
Para Galicia é unha prioridade absoluta o desenvolvemento no seu territorio desta rede, como ferramenta para potenciar ao máximo as oportunidades da súa posición xeográfica estratéxica, as capacidades loxísticas e as relacións con Portugal. Por iso se demanda unha integración plena no Corredor, incidindo na necesidade de completar o mesmo coa conexión ata Ferrol polo norte e ata Portugal polo sur como piar fundamental para reforzar a competitividade do noroeste peninsular.
Conexións por alta velocidade
Entre as demandas concretas nas que vén insistindo a Xunta están as obras de alta velocidade pendentes, en especial a da conexión entre Vigo e Porto. A situación actual, con demoras continuas por parte do Ministerio no proxecto da saída sur de Vigo, faría inviable a finalización das obras cando menos ata 2038, xa que habería que engadir o treito entre O Porriño e a fronteira lusa e a negociación para construír unha nova ponte internacional. Galicia lembra que se trata dunha conexión esencial para unir a fachada Atlántica e unha de las eurorrexións máis activas cun tren de alta velocidade competitivo e eficiente.
A isto súmanse os tramos pendentes na conexión entre Galicia e Madrid, nos que hai que completar a dobre vía para unha maior eficiencia, capacidade, velocidade e fiabilidade. A variante de Ourense é outra das obras necesarias para mellorar a alta velocidade neste eixe, xa que é clave para evitar o risco de saturación que provoca a actual entrada a Ourense pola súa sinuosidade e limitacións de velocidade. No que atinxe a Lugo, reclámase a execución das variantes de Os Peares-Canabal e Rubián, que permitirán lograr tempos de viaxe competitivos.
Neste mesmo senso, a Xunta demanda tamén a necesidade de substituír o ancho ibérico, presente en máis do 80% da rede galega, polo estándar internacional requirido pola Unión Europea para garantir a interoperabilidade e comezando polo tramo Santiago-Ourense para estenderse posteriormente ao conxunto do Eixo Atlántico.
Melloras para o transporte de mercadorías
Entre as demandas do Goberno galego Diego Calvo referiuse ao recoñecemento do carácter esencial dos portos de Vigo e Ferrol, coa demanda de que a Unión Europea aumente o seu apoio e aposta por ambos os dous, estratéxicos para Galicia. Na actualidade só o Porto Exterior da Coruña está cualificado como nodal mentres o de Vigo como o de Ferrol están clasificados na Rede Global, que ten como horizonte 2050.
Nesta liña, aludiu tamén ao establecemento de dous eixos claros para a saída de mercadorías: unha na zona norte (A Coruña–Ferrol–Betanzos–Lugo–Monforte de Lemos) e outra na zona sur, empregando a liña do Miño (Vigo–Guillarei–Ourense).
Ante a posibilidade de construír unha nova terminal de mercadorías para o Porto da Coruña, Galicia suxire a súa localización preto de Betanzos, para dar servizo a ambos os dous portos, A Coruña e Ferrol, e integrada dentro da saída norte. A isto engádese a necesidade de impulsar autoestradas ferroviarias no noroeste.
Estes avances son cruciais para a cohesión territorial e non limitar a competitividade das empresas galegas.