A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou a mellora realizada na rede de abastecemento de Mondariz

A Xunta pon a disposición dos concellos axudas para mellorar as súas redes de abastecemento e saneamento por un importe global de máis de 5 M€

Ángeles Vázquez explica que este mes de maio se convocan dúas ordes de axudas destinadas a concellos e entidades locais menores para minimizar as fugas nos sistemas de abastecemento e reducir as infiltracións nos de saneamento

Subliña que aínda que o mantemento destas infraestruturas é competencia municipal, desde o Goberno galego apóiase aos concellos máis pequenos para que melloren a prestación destes servizos básicos e esenciais para a veciñanza

Estas axudas convocáronse por primeira vez en 2024 e, desde entón, concedéronse 223 apoios por importe de 8,63 millóns de euros no conxunto da Comunidade

Fai fincapé na importancia destas axudas da Xunta para apoiar os concellos na execución de actuacións que permitan avanzar cara a unha xestión eficiente da auga, a protección do medio ambiente e unha maior calidade dos servizos públicos

Mondariz (Pontevedra), 26 de maio de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, animou hoxe aos concellos a solicitar as axudas da Xunta para mellorar as súas redes de abastecemento e saneamento.

Segundo explicou a conselleira durante a visita que realizou hoxe a Mondariz, a Xunta convocou este mes de maio dúas ordes de axudas, por un importe global de máis de 5 millóns de euros, destinadas a concellos de menos de 20.000 habitantes e a entidades locais menores, para minimizar as fugas nos sistemas de abastecemento e reducir as infiltracións nos de saneamento.

“Aínda que o mantemento destas infraestruturas é competencia municipal, desde o Goberno galego queremos apoiar aos concellos máis pequenos para que melloren a prestación destes servizos básicos e esenciais para a veciñanza”, dixo Ángeles Vázquez.

Máis polo miúdo, a conselleira avanzou que mañá, 27 de maio, abre o prazo para solicitar as axudas para minimizar as perdas de auga nas redes de abastecemento e permanecerá aberto ata o 29 de xuño, mentres que as destinadas a reducir as infiltracións nas redes de saneamento se poden solicitar ata o 22 do vindeiro mes.

As achegas poden ser do 100% do gasto subvencionable cun máximo de 45.000 euros por solicitude. Con todo, cómpre lembrar que un dos requisitos para poder solicitar estas axudas, que contan con financiamento europeo a través do Feder 2021-2027, é ter aprobado unha auditoría municipal para, segundo o caso, detectar as deficiencias nas redes de saneamento e/ou abastecemento. De feito, as accións subvencionadas deben estar reflectidas no plan de actuacións da devandita auditoría.

Estas axudas convocáronse por primeira vez en 2024 e desde entón, segundo indicou Ángeles Vázquez, concedéronse 223 apoios por importe de 8,63 millóns de euros no conxunto da Comunidade.

En concreto, o Concello de Mondariz recibiu un total de 92.400 euros para a mellora das redes de saneamento e abastecemento. Nese senso, a conselleira coñeceu hoxe o traballo desenvolvido para retirar contadores vellos e instalar contadores de auga intelixentes dotados de telelectura en lugares das parroquias de Mondariz, Lougares e Vilar para mellorar a eficiencia do sistema de abastecemento.

A maiores, o concello tamén acometeu a rehabilitación de colectores en dúas rúas da parroquia de Mondariz ao abeiro da liña de axudas para reducir as infiltracións na rede de saneamento. Neste caso, rehabilitouse a tubaxe existente e instalouse un sistema de monitorización en continuo na estación de bombeo de augas residuais (EBAR) do Val para alertar de anomalías e para rexistrar calquera incidencia.

Para concluír, a conselleira fixo fincapé na importancia destas axudas da Xunta para apoiar os concellos na execución de actuacións que permitan avanzar cara a unha xestión eficiente da auga, a protección do medio ambiente e unha maior calidade dos servizos públicos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/05/2026