Villaverde fomenta o consumo de produtos do mar e as propiedades nutricionais do mexillón entre os máis novos
A conselleira do Mar participou na xornada “Mexillón de Galicia nas aulas”, que promove hábitos de alimentación saudables
A Illa de Arousa (Pontevedra), 26 de maio do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañou este martes ao alumnado do colexio de Educación Infantil Sonrisas e Lágrimas da Illa de Arousa, na xornada de promoción ‘Mexillón de Galicia nas aulas’, onde resaltou as propiedades nutricionais deste molusco tan importante a nivel socioeconómico na zona.
A iniciativa enmárcase no convenio de colaboración subscrito entre a Xunta e a Denominación de Orixe Protexida (DOP) Mexillón de Galicia, orientado a fomentar o consumo do bivalvo entre a cativada, así como a poñer en valor a relevancia e a fortaleza que ten o sector mexilloeiro na nosa comunidade. O centro educativo arousán é un dos quince colexios galegos adheridos a esta campaña e, este mediodía, as nenas e nenos que acoden ao comedor escolar poden probar o mexillón en distintas preparacións.