Valentín García destaca a oportunidade “de achegarnos á figura de Curros Enríquez desde outra perspectiva” na presentación dun libro de misivas

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude colabora na publicación ‘Manuel Curros Enríquez. Cartas a José Ojea (1904-1908)’ que recolle un epistolario de 30 cartas

O secretario xeral da Lingua agradece a cesión desta correspondencia que o autor de Celanova dirixiu ao seu amigo “para que forme parte do legado histórico de Galicia”

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2026

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na presentación do libro Manuel Curros Enríquez. Cartas a José Ojea (1904-1908), no que se recollen 30 misivas manuscritas que o escritor de Celanova dirixiu ao seu amigo José Ojea e que supón, destacou, “a oportunidade de achegarnos a ao autor desde outra perspectiva, redescubrindo outros aspectos da súa personalidade, das súas vivencias e do seu contexto”.

Así, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, volveu agradecer  xesto de  Delfina García Paadín, tal e como fixera xa no seu momento o conselleiro da área, José López Campos, pola cesión desta correspondencia “para que forme parte do legado histórico de Galicia”. Así, a publicación, que conta coa colaboración do Goberno galego, reproduce o contido das cartas orixinais enviadas entre xuño de 1904 e xaneiro de 1908, tres meses antes de que Curros Enríquez falecera na Habana, o que permite coñecer mellor o gran poeta do Rexurdimento no final da súa vida. 

Deste xeito, durante o acto destacouse que se trata dun libro que mostra o lado máis afectuoso e humano do escritor nunha recompilación na que tamén se dá conta das relacións con outras figuras destacadas como Emilia Pardo Bazán, Enrique Peinador, Manuel Murguía, Rosalía de Castro ou Chané, algúns dos nomes que aparecen entre as súas verbas.

Sobre José Ojea Otero 

O destinatario desta correspondencia foi, ademais de boticario de Cortegada, escritor, político e un dos fundadores da Real Academia Galega. Precisamente unha das poucas fotografías que se conservan del corresponde a este feito e nela aparece xunto a Manuel Murguía e Curros Enríquez, no mesmo mes de outubro de 1904 no que este último partiu definitivamente a Cuba.

Data de actualización: 26/05/2026