Arias felicita aos organizadores da ‘Noite meiga’ de Sarria, recoñecida pola Xunta como Festa de Interese Turístico de Galicia
O delegado territorial de Lugo reuniuse con representantes da asociación Meigas e Trasgos para abordar liñas de traballo de cara a esta nova etapa
Sarria (Lugo), 26 de maio de 2026
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, reuniuse esta mañá en Sarria co vicepresidente da asociación cultural Meigas e Trasgos, Iván Pereiro, e outros representantes do colectivo para felicitalos polo recoñecemento da Noite Meiga como Festa de Interese Turístico de Galicia, acordado onte no Consello da Xunta.
A xuntanza contou coa participación da directora territorial de Emprego, Comercio e Emigración, Carmen José López Rodríguez, e serviu tamén para abordar algunhas liñas de traballo coas que emprender esta nova etapa.
Javier Arias destacou que a distinción “supón un salto cualitativo que impulsará a proxección do evento e reforzará a súa repercusión tanto cultural como turística”. Neste sentido, lembrou que o Goberno galego valorou a súa singularidade, resaltando que ten como epicentro unha danza propia creada pola fundadora da asociación, Carmela González Ruiz, baseada nunha lenda do pobo.
Meigas e Trasgos organiza esta cita desde hai máis de 50 anos; cada último fin de semana de agosto reúnen a milleiros de persoas nas distintas actividades propostas, sendo unha das principais iniciativas tractoras de turismo da vila.