Villaverde visita Amegrove e salienta a produción de mexillón como baluarte do liderado da acuicultura galega
O Grove (Pontevedra), 26 de maio do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou hoxe as instalacións Amegrove Sociedade Cooperativa Galega no porto grovense de Meloxo para coñecer de primeira man a actividade que está desenvolvendo actualmente a entidade. A responsable autonómica salientou no percorrido o papel do mexillón como baluarte estratéxico do liderado da acuicultura galega a nivel internacional.
Con esta visita, Marta Villaverde dá continuidade a súa axenda de encontros con empresas e asociacións do sector miticultor, para analizar os retos actuais e trasladar o apoio do Goberno galego a esta actividade extractiva. A titular de Mar destacou liñas de traballo conxuntas en ámbitos como a valorización do produto nos mercados, a sustentabilidade ou a competitividade, que permitan reforzar a principal actividade acuícola da nosa comunidade.