A Xunta reivindica en Confebus Summit a mobilidade como un dereito esencial adaptado á realidade territorial de Galicia

A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, destaca neste foro que o Goberno galego destina ao transporte público ao redor de 160M€ ao ano

Resalta a aposta polo transporte compartido, que supón xa o 30% dos servizos na comunidade

Lembra tamén as axudas ao sector do transporte ante crises externas ou a falta de condutores

Madrid, 27 de maio de 2026

A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, destacou hoxe en Confebus Summit, foro de referencia do sector do transporte en autobús en España, o papel da mobilidade como un dereito esencial e incidiu no esforzo da Xunta por adaptar os modelos de transporte público ás singularidades territoriais de Galicia, marcadas polo ámbito rural e a elevada dispersión da poboación.

Durante a súa intervención na mesa de debate A mobilidade como dereito, a directora xeral de Mobilidade salientou o esforzo investidor do Goberno galego para garantir un transporte público de calidade, accesible, económico e cada vez máis sostible, nun contexto complexo desde o punto de vista territorial. Nesta liña, lembrou que Galicia concentra máis de 30.000 núcleos de poboación, a metade dos existentes en España, o que obriga a manter unha rede ampla para asegurar a conexión da cidadanía cos servizos básicos, os centros sanitarios, a actividade económica e os principais núcleos urbanos.

Judit Fontela resaltou especialmente a aposta pioneira de Galicia polo transporte compartido, que permite abrir ao público en xeral as prazas dispoñibles do transporte escolar. Este modelo funciona xa en 121 dos 127 contratos de autobús interurbano e abrangue, con 2.248 liñas, o 30 % dos servizos de transporte da comunidade. En 2025, preto de 950.000 usuarios xerais empregaron este sistema, mentres que 37.400 alumnos realizaron arredor de 10 millóns de viaxes nesta modalidade.

Fontela explicou que este modelo permite optimizar recursos e reforzar a cobertura territorial do transporte público. Ademais, subliñou que a Xunta garante a viabilidade do sistema cun importante esforzo económico, que supón un investimento en transporte público de case 160 millóns de euros ao ano.

A directora xeral apostou por un modelo que permita compatibilizar a calidade e a innovación co rigor financeiro e a eficiencia na xestión dos recursos públicos. Esta visión, segundo explicou, reflíctese na incorporación nas novas licitacións de criterios orientados á modernización da frota, á dixitalización do servizo, á mellora da información ao usuario e ás condicións de prestación do transporte público.

Apoio ante crises externas e falta de condutores

Judit Fontela recordou que a Administración autonómica presta apoio extraordinario ás empresas concesionarias para facer fronte ás crises externas que afectaron ao sector desde o inicio dos contratos en 2020, ao tempo que se avanza na adaptación dos servizos ás necesidades reais de cada territorio. Ademais, referiuse á carencia de condutores profesionais como un dos retos actuais do transporte, motivo polo que a Xunta puxo en marcha este ano dúas convocatorias de axudas, dotadas con dous millóns de euros, para facilitar a obtención do CAP e dos permisos de condución profesionais.

A maiores disto, a Xunta reforza os requisitos ambientais nos novos contratos de transporte, o impulso á renovación das frotas cara a vehículos máis sostibles e as axudas concedidas para avanzar na descarbonización do sector, cun total de 41 millóns de euros mobilizados desde 2022. Na actualidade, a idade media da frota adscrita ao servizo público en Galicia é de 5,7 anos e máis do 20 % dos vehículos contan xa con distintivo ECO.

En canto á accesibilidade, cómpre lembrar que o 50 % da frota adscrita ao servizo interurbano conta con prazas adaptadas para persoas con mobilidade reducida, o que supón que dous de cada tres servizos se presten con autobuses accesibles.

Bonificacións para promocionar o transporte público

En relación coas políticas tarifarias, o Goberno galego aposta por un transporte público accesible economicamente para a cidadanía, a través de medidas consolidadas como a gratuidade para menores de 21 anos e maiores de 65, os descontos no transporte metropolitano e as bonificacións adicionais aplicadas nos últimos anos. Só en 2025, a Administración autonómica destinou máis de 36 millóns de euros a incentivos tarifarios para fomentar o uso do autobús e avanzar cara a unha mobilidade máis sostible e menos dependente do vehículo privado.

A Xunta avoga tamén pola coordinación entre administracións para garantir a viabilidade futura do sistema de transporte público, cun modelo consensuado que teña en conta as necesidades específicas de todos os territorios polo que reclamou en varias ocasións que o Ministerio de Transportes convoque con urxencia a Conferencia Sectorial de Transportes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/05/2026