A Xunta salienta o impulso á proxección internacional de Galicia que supón a nova conexión aérea entre Santiago e Nova York

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes asistiu ao acto inaugural da ruta que une Santiago de Compostela e a cidade estadounidense

Diego Calvo reafirmou o compromiso do Goberno galego coa captación de novas rutas aéreas mediante a promoción en orixe

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe no acto inaugural da ruta aérea regular que une Santiago de Compostela con Nova York, coincidindo coa reapertura do aeroporto compostelán tras permanecer 35 días pechado por obras. Na súa intervención, Diego Calvo destacou que esta conexión directa entre “Galicia e un dos grandes centros económicos e turísticos do mundo chega nun momento clave”, xa que o Camiño de Santiago vive “un auxe sen precedentes entre os peregrinos estadounidenses”, que xa constitúen o principal grupo internacional que chega a Compostela.

Acompañado polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e pola directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, o conselleiro incidiu no peso estratéxico do mercado estadounidense para Galicia, tanto polo número de visitantes como polo impacto económico que xeran. “É o principal mercado internacional en gasto total e en gasto medio diario”, apuntou. Para Diego Calvo, estes datos demostran o interese que ten Galicia nos mercados internacionais. Neste sentido, incidiu no esforzo da Xunta para que a comunidade galega sexa un mercado atractivo e na aposta pola promoción turística en orixe, cun investimento anual de arredor de 13 millóns de euros destinado á internacionalización do destino Galicia.

Durante a súa intervención, Diego Calvo reafirmou o compromiso do Goberno galego coa captación de novas rutas aéreas mediante a promoción en orixe para reforzar a conectividade da comunidade. Nesta liña, fixo un chamamento a traballar desde unha nunha mesma dirección, defendendo o potencial dos tres aeroportos galegos e a necesidade de coordinar esforzos entre institucións, aeroliñas e sector turístico para consolidar novas conexións nacionais e internacionais. 

O conselleiro puxo tamén o foco na necesidade de contar con infraestruturas aeroportuarias seguras, modernas e competitivas. Así, agradeceu o investimento feito no aeroporto de Santiago de Compostela e asegurou que se seguirán demandando melloras nos tres aeroportos galegos, como xa se fixo no Comité de Coordinación Aeroportuaria. 

A nova conexión aérea, operada por United Airlines, une o aeroporto de Santiago de Compostela co de Newark, en Nova Jersey, situado a uns 24 quilómetros de Nova York. A compañía ofrecerá ata o 21 de setembro tres voos directos semanais, con saída os luns, os xoves e os sábados e con regreso os mércores, os venres e os domingos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/05/2026