A Xunta renova a dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea co propósito de definir novas estratexias en permanente contacto co sector
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude publica no Diario Oficial de Galicia o nomeamento de Eva López Tarrío, como nova directora do centro público
Entre os seus obxectivos inmediatos atópase a elaboración do primeiro Plan Director do CGAC que vai contar coa implicación e participación de todos os axentes culturais
O seu proxecto baséase en convertelo no centro artístico do eixe atlántico, potenciando a súa internacionalización e maior espazo e proxección da creación galega
A nova liña de actuación centrarase en que Galicia manteña o primeiro nivel no que se sitúa o centro, tras ser erixido en 2025 como mellor iniciativa cultural da Comunidade
Santiago de Compostela, 28 de maio de 2026
A Xunta de Galicia abre hoxe unha nova etapa no Centro Galego de Arte Contemporánea, tras a publicación no Diario Oficial de Galicia do nomeamento de Eva López Tarrío como directora, na que se van definir as novas estratexia para este ente público en permanente contacto e diálogo co sector.
Precisamente, entre os obxectivos inmediatos da nova dirección atópase a elaboración do primeiro Plan Director do CGAC, co que se recolle e se dá resposta a unha demanda do sector. Perfilarase para abranguer o período 2026-2030 e o seu deseño ábrese á participación de todo o sector para contar coa súa colaboración e implicación a través de propostas e suxestións, co obxecto de que este novo ciclo do Centro Galego de Arte Contemporáneo se caracterice por darlle máis presenza e voz aos artistas, comisarios e xestores culturais.
O propósito da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude con esta xerencia é perfilar e renovar, recollendo tamén as achegas do sector artístico galego, a estratexia deste centro para que Galicia siga contando cun equipamento cultural de primeiro nivel e continuar coa exitosa traxectoria do centro que, ao longo do seus 30 anos de historia, se consolidou como un espazo artístico de calidade
Nesta mesma liña de traballo sitúase Eva López Tarrío, cuxo proxecto para este novo período no CGAC busca convertelo no centro artístico de referencia do eixe atlántico. Con este obxectivo, vaise apostar por ampliar a súa internacionalización, darlle peso ás alianzas con entidades de referencia e un maior espazo e proxección ás creacións das e dos artistas galegos.
As actuacións centraranse en darlle pulo á descentralización do CGAC dentro e fóra de Galicia, tras ser recoñecido en 2025 como Insignia da cultura galega polo Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea, segundo os resultados do prestixioso informe elaborado coas valoracións de máis de 400 expertos e profesionais de toda España.
Así mesmo, para esta nova liña programática do Centro Galego de Arte Contemporánea, Eva López Tarrío apostará por novas alianzas e por reforzalas e amplialas a outras institucións museísticas de referencia.