A Xunta aposta polo envellecemento activo e saudable como sinónimo de calidade de vida
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, asistiu a entrega de diplomas aos participantes nos cursos da Asociación veciñal de Lavadores
Vigo, 29 de maio de 2026.
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou esta tarde na entrega de diplomas aos alumnos dos cursos para maiores impulsados pola Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva de Lavadores, onde destacou a importancia do fomento do envellecemento activo e saudable.
A Xunta contempla entre os seus eixos prioritarios de acción que Galicia sexa o mellor lugar onde facerse maior. O Executivo autonómico ten un compromiso decidido coa mellora na calidade de vida dos nosos maiores e coa reivindicación desta etapa como unha oportunidade para aproveitar máis o tempo.
Neste obxectivo, lembrou Antón Acevedo, que entidades como a Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva de Lavadores cumpren un papel destacado á hora de ofrecer actividades que fomenten o envellecemento activo e saudable, como son os cursos de alfabetización dixital, e trasladou o apoio da Xunta de Galicia para seguir traballando co tecido asociativo para impulsar este tipo de iniciativas.
O director felicitou ademais aos alumnos polo seu empeño en seguir formándose máis aló da idade e recalcou a intención da Xunta de que o envellecemento en Galicia sexa sinónimo de calidade de vida.