A Xunta actualiza o Plan de Protección Civil de Salvamento nas Praias de Galicia para garantir este verán a cobertura das emerxencias nas zonas de baño
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, participaron hoxe na reunión do comité asesor do Sapraga
O Plan estará vixente do 1 de xuño ata o 30 de setembro e a adhesión ten carácter voluntario para os concellos con augas de baño censadas no Servizo Galego de Saúde
Incorpóranse cinco novas zonas de baño situadas nos concellos do Rosal, Vilalba e Monterrei
Santiago de Compostela, 29 de maio de 2026
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, participaron hoxe na reunión do comité asesor do Plan de Protección Civil de Salvamento nas Praias de Galicia (Sapraga). Esta reunión é previa ao comezo da campaña, de maneira que o plan estará operativo do 1 de xuño ao 30 de setembro. Neste período lévase a cabo a incorporación dos servizos públicos de salvamento en praias e o desenvolvemento das funcións previstas no Sapraga e nos plans de prevención e seguridade en praias.
Con este plan preténdese garantir a cobertura das emerxencias nas zonas de baño, establecendo os procedementos de comunicación e coordinación cos servizos de prevención e socorrismo. Na actualización deste ano integráronse cinco novas áreas de baño, tres no concello do Rosal, unha en Vilalba e outra en Monterrei.
O Sapraga actívase con carácter estacional durante a época estival e, tendo en conta o marco competencial en materia de praias, a adhesión ten carácter voluntario para os concellos que teñan augas de baño censadas no Servizo Galego de Saúde (Sergas). En total, actualmente hai censadas máis de 500 praias.
Na reunión de hoxe tamén se incidiu na necesidade de reforzar a prevención a través da sinalética e consellos aos bañistas. Nesta liña, cómpre incidir na necesidade de atender sempre á sinalización das bandeiras e ás indicacións do persoal de socorrismo, evitar o baño con condicións meteorolóxicas ou mariñas adversas, vixiar menores e persoas vulnerables, especialmente en zonas con correntes ou cambios de profundidade e comunicar incidencias e situacións de risco a través do servizo de praia ou do 112 Galicia.
O Sapraga intégrase no Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) para emerxencias extraordinarias e define procedementos de comunicación e coordinación. A través deste plan sectorial de carácter preventivo e operativo, atenderanse as emerxencias ordinarias no espazo das praias.