A Xunta e o concello de Ames renovan o convenio para manter a liña de autobús de interese municipal
Co obxectivo de mellorar a mobilidade do estudantado, incorporarase unha nova parada no Campus Sur da Universidade de Santiago de Compostela
Este convenio manterá a súa vixencia durante catro anos
Os servizos incluídos neste convenio benefícianse dos descontos e bonificacións impulsados pola Xunta para o conxunto do transporte público autonómico
Santiago de Compostela, 29 de maio de 2026
A Xunta e o Concello de Ames veñen de renovar coa UTE XG-807 un novo convenio co obxecto de garantir a continuidade do servizo de interese municipal (SIMU) da localidade, o que permitirá o mantemento da liña de autobús que funciona entre a rúa Alcalde Lorenzo e a estación intermodal de Santiago de Compostela, activada no ano 2022.
O SIMU ten como finalidade principal fomentar unha mobilidade máis sostible mediante a redución do uso do vehículo particular e o reforzo do servizo de autobús nas parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído.
A novidade máis significativa deste acordo é a incorporación dunha nova parada no Campus Sur da Universidade de Santiago de Compostela, co obxectivo de dar resposta ás necesidades de mobilidade do estudantado universitario.
Esta liña de autobús de interese municipal ofrecerá un total de oito servizos diarios, cinco de Ames cara a Santiago de Compostela e tres no sentido inverso, de luns a venres, nun horario comprendido entre as 09,45 e as 22,00 horas.
Durante a fin de semana, os sábados a cidadanía disporá de oito servizos, catro por sentido, entre as 08,00 e as 20,25 horas, mentres que os domingos contará con seis servizos, tres en cada sentido, entre as 12,00 e as 21.55 horas.
O convenio asinado terá unha vixencia de catro anos, garantindo a continuidade deste servizo de interese municipal durante ese período. O financiamento do SIMU continuará a ser asumido polo Concello de Ames, cun custo estimado de 74.000 euros.
Os servizos incluídos neste convenio benefícianse dos descontos e bonificacións impulsados pola Xunta para o conxunto do transporte público autonómico. Así, as persoas menores de 21 anos poden realizar ata 60 viaxes mensuais gratuítas coa Tarxeta Xente Nova, mentres que as maiores de 65 anos dispoñen de viaxes gratuítas a través da Tarifa +65.
A información actualizada sobre os servizos estará dispoñible para a súa consulta no portal web www.bus.gal.