O Instituto Saturnino Montojo de Ferrol proclámase gañador da I Liga Escolar de Debate da Xunta
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, felicita ao alumnado participante polo seu traballo neste certame
Un total de 60 alumnos de 15 institutos de toda Galicia participan no programa, que se desenvolve en tres fases
A Coruña, 29 de maio de 2026
O Instituto Saturnino Montojo (Ferrol) proclamouse hoxe gañador da I Liga escolar de debate impulsada pola Xunta de Galicia, mentres que o IES Xulián Magariños (Negreira) foi subcampión. A fase final desenvolveuse hoxe no IES Plurilingüe Eusebio da Guarda, na Coruña, ata onde se achegou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, para felicitar o alumnado participante polo seu traballo neste certame.
Acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, o titular do departamento educativo da Xunta destacou o traballo tanto dos estudantes como dos profesores que se prestaron a preparalos para este concurso. Así mesmo, agradeceu a implicación dos 15 centros e 60 alumnos participantes ao longo das tres fases desta liga.
Román Rodríguez lembrou que esta iniciativa enmarcada dentro das accións da Consellería de Educación para o reforzo da competencia lectora a través do Plan MEGA de mellora educativa de Galicia. “Trátase dunha actividade pensada para que o alumnado prepare os temas e traballe a súa oratoria e a exposición e defensa de argumentos, ao tempo que fomentamos o diálogo, a resolución pacífica das discrepancias e o traballo en equipo”, salientou. “Esta primeira edición foi un éxito que demostrou as aptitudes de todos os rapaces participantes e a súa capacidade de enfrontarse a novos desafíos”, dixo.
O equipo gañador do certame, composto por Inés Toimil, Martina Santorum, Lada Zulinska, Mariana González, Carmen Hermida e Sara Pérez, recibe un distintivo especial. Ademais, o profesorado participante obtén certificacións de innovación educativa.