A Atriga reforza a aposta pola educación cívico-tributaria e estenderá o seu programa de charlas nos centros educativos ao bacharelato, FP e universidades
A directora da Axencia Tributaria de Galicia, Sonia Lafont, participou no seminario Conciencia fiscal e xuventude: evidencias e propostas para unha cultura tributaria do século XXI, organizado polo Instituto de Estudios Fiscales (IEF) e a Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP)
Sevilla (Andalucía), 3 de xuño de 2026
A Axencia Tributaria de Galicia reforzará a aposta pola educación cívico-tributaria e estenderá o seu programa de charlas nos centros educativos ao bacharelato, á Formación Profesional e ao ámbito universitario. Así o puxo de manifesto hoxe, en Sevilla, a directora da Atriga, Sonia Lafont, durante a súa participación no seminario Conciencia fiscal e xuventude: evidencias e propostas para unha cultura tributaria do século XXI, organizado polo Instituto de Estudios Fiscales (IEF) e a Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP)
Durante a súa intervención, Sonia Lafont destacou que, nos tres últimos cursos escolares a Atriga puxo en marcha un programa de charlas nos centros educativos galegos que se iniciaron no curso 2023/2024 co alumnado de 5º e 6º de primaria, se ampliaron no curso 2024/2025 a 1º e 2º de ESO e se estenderon a toda a ESO no curso actual, chegando a preto de 1.200 alumnos de 32 centros. Lafont anunciou que, de cara ao futuro, a Atriga prevé estender o programa ao bacharelato, á Formación Profesional e ao ámbito universitario, consolidando un modelo que abranga todo o itinerario educativo.
Así mesmo, subliñou que estas actuacións compleméntanse con formación ao profesorado en cultura financeira e cunha metodoloxía baseada en materiais didácticos, cuestionarios de avaliación e actividades participativas.
Se ben destacou que esta orientación está incorporada no contrato de xestión 2026-2028, no Plan Estratéxico da Atriga 2026-2028, no seu Plan de Obxectivos, así como no Plan de Control Tributario, Sonia Lafont recoñeceu que queda aínda camiño que percorrer de cara a estender o seu impacto a toda a sociedade.
Porén, puxo en valor o traballo do seu equipo, xa que o programa se realiza co persoal técnico das escalas de finanzas, e conta co apoio de toda a organización técnica da Atriga. Mencionou tamén a implicación do conselleiro de Facenda e Administración Pública e presidente da Axencia autonómica, Miguel Corgos.
A directora da Atriga concluíu a súa intervención louvando a celebración de foros coma este onde investigadores, docentes e profesionais da administración tributaria avalían e reflexionan sobre como se constrúe hoxe en día a relación entre as novas xeracións e o sistema fiscal.