Turismo de Galicia pon en valor en Portomarín a historia, a tradición e o patrimonio vinculado ao río Miño coa exposición 'O río que nos move’'
O director de Turismo de Galicia participou na inauguración da mostra itinerante que recupera a primeira baixada completa do Miño en canoa realizada en 1985
Portomarín (Lugo), 4 de xuño de 2026
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe na inauguración da exposición ‘O río que nos move. En canoa polos 317 km do Pai Miño’, unha mostra itinerante que inicia o seu percorrido en Portomarín e que recupera a memoria da primeira baixada completa do río Miño en canoa, realizada en 1985 por cinco mozos do Baixo Miño con embarcacións construídas por eles mesmos.
Durante o acto, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, destacou o valor desta iniciativa para divulgar a riqueza histórica, tradicional e patrimonial de Galicia a través dun dos seus principais elementos identitarios. “Esta exposición permítenos redescubrir o Miño como fío condutor da nosa historia, da nosa paisaxe e da nosa identidade colectiva, ao tempo que pon en valor a capacidade de Galicia para ofrecer experiencias turísticas auténticas e singulares”, sinalou.
A mostra permanecerá no Pazo Xeneral Paredes de Portomarín ata o vindeiro 30 de xuño e constitúe unha viaxe visual e narrativa polo curso do río Miño, desde o seu nacemento na serra de Meira ata a súa desembocadura na Guarda, a través de fotografías, testemuñas e diversas actividades complementarias.
Xosé Merelles subliñou ademais a importancia de apoiar proxectos que contribúan a diversificar a oferta turística galega e a reforzar o posicionamento da comunidade como destino de calidade. “Iniciativas como esta permiten mostrar ao mundo a enorme variedade de recursos que atesoura Galicia, desde a natureza e o turismo activo ata o patrimonio cultural, a enogastronomía ou as experiencias vinculadas ao territorio”, afirmou.
A exposición ‘O río que nos move’ poderase visitar ao longo de 2026 en oito localidades vinculadas ao curso do Miño: Meira, Lugo, O Rosal, Tui, Ourense, Castrelo de Miño e A Guarda, ademais de Portomarín, co obxectivo de poñer en valor o río como eixo natural, histórico e identitario de Galicia.