A Xunta renova a colaboración coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia a prol da accesibilidade nos actos institucionais

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asinou coa presidenta da federación, María Alonso Mesía, o acordo que permite dotar de medios de interpretación as actividades institucionais que se realicen ao longo deste ano de todas as áreas do sector público autonómico

A Coruña, 10 de xuño de 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asinou esta mañá coa presidenta da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), María Alonso Mesía, o convenio de colaboración para o fomento da accesibilidade das persoas xordas e xordocegas, en relación coas actividades institucionais que se leven a cabo este ano, dirixidas á poboación xeral ou a colectivos específicos de todas as áreas do sector público autonómico. Ao acto tamén asistiu a directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez.

O acordo formalizado está dotado con 5.000 euros e consolida a suba realizada o ano pasado, debido a que o ámbito de actuación se ampliou a todo o sector público autonómico, cubrindo o maior número de actos posible co obxectivo e mellorar a integración do colectivo. Deste xeito, a Xunta compensará os gastos derivados das actuacións enmarcadas no convenio.

Pola súa parte, a FAXPG facilitará os medios persoais necesarios para garantir o acceso do colectivo que representa á información facilitada nos eventos institucionais da Xunta. Comprométese tamén a difundir na súa páxina web todos os actos que encaixen neste marco de colaboración, a ofrecer accións formativas de lingua de signos a persoal da Administración autonómica e a dispoñer os medios persoais precisos en beneficio das persoas xordas e xordocegas para a celebración do Día da Discapacidade.

Eliminación das barreiras de comunicación

A través desta iniciativa, a Xunta pretende contribuír á eliminación das barreiras de comunicación que lles impiden ás persoas xordas e xordocegas unha participación plena nos eventos institucionais, garantindo que cheguen en condicións de igualdade a todos os colectivos, ademais de facilitarlles o acceso a toda a información que se transmite nestes actos.

Trátase dunha colaboración que se prolonga desde hai anos e que, desde 2015, aumentou a contía en máis dun 200%, ao pasar de 1.500 euros aos 5.000 deste exercicio. Esta medida conxunta coa FAXPG súmase a outras centradas en diferentes ámbitos autonómicos, como o acceso á xustiza ou aos servizos de emerxencias.

O acto de sinatura enmárcase na celebración, o vindeiro domingo, do Día Nacional das Linguas de Signos Españolas. O Goberno galego quere así sumarse a esta conmemoración co obxectivo de promover a difusión destas linguas e impulsar a normalización do seu uso.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/06/2026