A Xunta incide no apoio firme e constante ao persoal funcionario de administración local con habilitación nacional
A directora xeral de Administración Local abordou no Parlamento a problemática na cobertura de prazas destes profesionais
O Goberno galego foi pioneiro na creación unha bolsa autonómica de persoal interino co obxectivo de fortalecer as capacidades dos concellos
Natalia Prieto defendeu a unidade e independencia deste colectivo en consonancia coas principais organizacións do sector
Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2026
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, reafirmou hoxe no Parlamento o apoio do Goberno galego “firme e constante ao persoal funcionario de Administración Local con habilitación nacional”. Segundo sinalou, a Xunta “seguirá defendendo con firmeza os intereses dos concellos galegos e a unidade deste funcionariado”, ao que se referiu como “peza clave para asegurar a homoxeneidade do sistema, a igualdade no acceso á función pública e a prestación dun servizo profesional, imparcial e independente en todo o territorio”.
Natalia Prieto apuntou que se lle seguirá esixindo ao Goberno central que exerza plenamente as súas competencias co incremento das ofertas de emprego público, a aceleración dos procesos selectivos e a garantía da cobertura efectiva das vacantes existentes.
Nesta liña, lamentou a “insuficiente resposta estatal fronte ás necesidades da nosa comunidade” e lembrou que existen 166 prazas vacantes, aproximadamente o 30% dos 566 postos de habilitados que hai en Galicia, e que afectan a cerca de 142 entidades locais. “A oferta extraordinaria do Estado apenas permitiría cubrir, no escenario máis optimista, un total de 31 prazas”, afirmou.
Segundo indicou, “a total desidia da Administración central levou a Xunta a impulsar medidas para garantir que estas prazas sexan cubertas”. Neste marco de acción, referiuse á creación xa en 2017 da bolsa autonómica de persoal interino para a cobertura temporal dos postos reservados a funcionarios con habilitación nacional, que permitiu a realización de máis de 480 chamamentos e a cobertura de máis de 250 postos, así como beneficiar centos de entidades locais. “Esta actuación está permitindo evitar situacións de bloqueo institucional e garantir a continuidade da actividade administrativa de numerosos concellos, especialmente daqueles con menor capacidade organizativa”, engadiu.
A directora xeral incidiu tamén na defensa da unidade, independencia e carácter nacional deste colectivo funcionarial, en consonancia co defendido polas principais organizacións profesionais do sector. Para Natalia Prieto, a fragmentación non resolvería o problema da falta de efectivos e salientou que o que realmente o resolvería “é que o Estado convoque máis prazas, planifique mellor os recursos humanos e garanta que todos os concellos de España, tamén os galegos, conten cos profesionais que necesitan para prestar servizos públicos con todas as garantías de legalidade, imparcialidade e eficacia”.